Notas de prensa

O BNG reclama que Galiza non quede marxinada ante o inminente cambio constitucional

Tras o anuncio de que se vai abrir o melón constitucional, a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, salientou que Galiza ten que buscar a súa propia vía e ser protagonista nese posible escenario. “Galiza ten que ser protagonista, liderar o seu propio futuro e non pode quedar inmóbil nin marxinada neste horizonte que se abre no Estado español".

En medio das reaccións dos responsables políticos do Estado ao discurso do presidente de Catalunya, o BNG da por seguro que vai haber un cambio no actual marco institucional e pide aproveitar esta oportunidade para avanzar advertindo contra un inmobilismo que deixaría a Galiza marxinada.

Tras o anuncio de que se vai abrir o melón constitucional, a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, salientou que Galiza ten que buscar a súa propia vía e ser protagonista nese posible escenario. “Galiza ten que ser protagonista, liderar o seu propio futuro e aproveitar esta oportunidade decisiva para todos os pobos, e Galiza non pode quedar inmóbil, non pode quedar marxinada neste horizonte que se abre no Estado español e o BNG loitará para que este país avance e gane dereitos como pobo”, salientou.

Rodil reiterou a posición do Bloque reclamando “política de altura para dar unha solución dialogada ao lexítimo dereito do pobo catalán a decidir o seu futuro, expresado en distintas mobilización e no referendo do 1-0”.

A formación nacionalista reitera que o conflito só ten unha saída: Que o pobo catalán poida expresarse en liberdade e con plenos dereitos democráticos. E o mesmo no caso galego e vasco. O Estado español debe recoñecer a súa realidade e natureza plurinacional e, consecuentemente, aceptar o dereito das nacións que hoxe fan parte del a decidir e a exercer, no seu caso, a plena autodeterminación. De non facelo, o problema político de fondo, lonxe de resolverse, agravarase.

Como forza política galega, o Bloque chama a sumar voces e opinións desde a sociedade en favor do diálogo e dunha resolución pacífica e democrática do conflito político aberto, e sempre desde o recoñecemento pleno do dereito a decidir e da plena capacidade para exercer na práctica ese dereito.

Comunicado do BNG sobre a intervención de Mariano Rajoy no Congreso:

Diante das declaracións e da intervención no Congreso dos Deputados do presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, desde o Bloque Nacionalista Galego queremos manifestar o seguinte:

O Goberno Catalán fixo no día de onte un chamamento expreso ao diálogo e obrou en consecuencia -de xeito inequívoco- de cara a poder facilitalo. Rajoy tiña hoxe a oportunidade de recoller a man tendida de Puigdemont e abrir unha porta á solución do conflito político que se está a vivir en Cataluña, mais decidiu pechala dun portazo, dando máis unha vez unha mostra de inmobilismo, prepotencia e autoritarismo.

Tras o uso da forza o 1 de outubro contra persoas que pacificamente querían exercer o seu dereito a se expresar en urnas, e tras a vulneración de múltiples dereitos e liberdades fundamentais no que se pode considerar un estado de excepción non declarado (prohibición de actos, censura de webs, rexistros en sedes de partidos e medios sen orde xudicial, detención de cargos públicos, anulación de Plenos non convocados, etc.) agora Rajoy, seguindo a pauta xa adiantada por Felipe VI, ameaza coa intervención por parte do estado da Autonomía de Catalunya a través do inicio do proceso de aplicación do artigo 155 , que poría en marcha unha nova escalada represiva a nivel xudicial e policial.

É absolutamente intolerábel que ante a petición de diálogo e mediación internacional do presidente Puigdemont a resposta de Rajoy sexa novamente a ameaza, neste caso coa aplicación do artigo 155 da constitución española. Nunha democracia son absolutamente impresentábeis ameazas como as que transmitiu hoxe o señor Rajoy ou as que xa adiantou o señor Casado hai un par de días, anticipando unha posíbel reforma da Lei de Partidos de cara a ilegalizar formacións políticas independentistas.

O BNG reafírmase na necesidade de buscar solucións políticas aos problemas políticos. A resposta xudicial, policial e/ou militar lonxe de arranxar nada, ao único que poden contribuír é a agrandalo. Desde o BNG facemos un chamamento a que o goberno español rectifique, acepte a petición de diálogo e intermediación internacional e que traballe para acordar unha solución democrática a este conflito que respecte o inalienábel dereito a decidir libremente o seu futuro do pobo catalán e o do resto de nacións do Estado.

A única solución real e democrática á cuestión nacional no Estado español pasa polo pleno recoñecemento da realidade e natureza plurinacional deste e, consecuentemente, pola aceptación por parte do Estado do dereito a decidir dos pobos que hoxe facemos parte del e da plena capacidade para exercermos a nosa soberanía. Sen ese recoñecemento ningunha anunciada reforma da Constitución resolverá nada nin será máis que mera maquillaxe cosmética, unha simple operación para que pareza que algo cambia e en realidade todo siga igual.

Gabinete de Comunicación do BNG, 2017-10-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES