Notas de prensa

O Arquivo da Real Academia Galega (RAG) recibe a tradución ao galego das Sonatas de Valle-Inclán

O Arquivo da Real Academia Galega recibiu a doazón da tradución das Sonatas de Ramón María del Valle-Inclán ao galego realizada por Rafael de Castro García. Ademáis a RAG concede os premios do proxecto Primavera das Letras concibido para coñecer e difundir como celebraron o Día das Letras Galegas os centros educativos dos máis pequenos.

O profesor, que empezou a verter ao noso idioma distintos clásicos de autores galegos que escribiron en castelán tras se xubilar, fíxolle onte entrega dos mecanoscritos na sede da RAG ao presidente Víctor F. Freixanes, quen lle agradeceu a doazón.

Rafael de Castro García dooulle ao Arquivo da Academia as traducións da tetraloxía das Memorias do marqués de Bradomín: Sonata de outono (1902), Sonata de estío (1903), Sonata de primavera (1904) e Sonata de inverno (1905), un traballo que realizou tras verter ao galego Viaje a la Alcarria (1948) e Del Miño al Bidasoa, de Camilo José Cela. Na actualidade traballa na tradución de Filomeno a mi pesar, de Gonzalo Torrente Ballester.

Primavera das letras

Os colexios de infantil e primaria do Carballal (Marín), Antonio Fernández López (Oural, Sarria), Carlos Casares de Vilariño (Nigrán) e Plurilingüe Os Casais (Maniños, Fene), e o Colexio rural agrupado (CRA) Amencer (Ribadavia), son os cinco gañadores dos premios Contádenos o voso Día das Letras, o novo espazo de participación escolar creado pola Real Academia Galega dentro do proxecto web Primavera das Letras. A iniciativa foi concibida co obxectivo de coñecer e difundir como celebraron o Día das Letras Galegas os centros encargados da educación do alumnado de menor idade.

Nesta primeira edición participaron preto de 80 colexios de toda Galicia con proxectos que son boa proba da implicación e do bo facer do profesorado, axente esencial, xunto ás familias, na transmisión ás novas xeracións da lingua e da cultura galegas. Todos eles recibirán un diploma por participaren nesta iniciativa, mentres que os cinco centros gañadores serán tamén agasallados cun lote de libros. A entrega celebrarase proximamente na sede da Real Academia Galega.

O CEIP O Carballal (Marín) participou no concurso co "Casares-tón", un vídeo no que se lle pon música de reggaeton e baile ao poema "Amemos" de Carlos Casares. A peza, instrumentada polo mestre de Música e con coreografía da mestra de Educación Física, involucrou boa parte do alumnado e todo o persoal do centro educativo.

O CEIP Antonio Fernández López, de Oural (Sarria), celebrou o Día das Letras Galegas de Carlos Casares cunha adaptación da súa obra teatral infantil, As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, na que tampouco falta unha peza musical co retrouso "As letras galegas de festa están / Carlos Casares, escritor universal".

O CEIP Carlos Casares de Vilariño (Nigrán), onde o escritor estableceu o seu fogar, tamén compartiu nesta iniciativa, xunto a outros materiais, unha peza audiovisual na que inclúe unha entrevista sobre el ao seu fillo Häkan Casares, antigo alumno do centro, unha representación teatral e lecturas dramatizadas.

Outros lote de libros serán para a Biblioteca Paula Carballeira, do CEIP Plurilingüe Os Casais de Maniños (Fene), onde o alumnado encheu o seu bosque de letras e música galegas. Neste espazo especial, vestido de festa para a ocasión, os nenos e nenas expuxeron textos propios sobre o autor e realizaron lecturas públicas.

O CRA Amencer de Ribadavia tamén traballou con entusiasmo arredor do 17 de maio. Nas tres escolas de San Cristovo, San Paio e Francelos que conforman este colexio rural agrupado, os cativos e cativas de 3 a 5 anos encheron as aulas de debuxos e murais sobre Carlos Casares e a súa obra e construíron "O tren da lingua", entre outras actividades.

Real Academia Galega (RAG), 2017-10-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (ensino-edixgal.jpg) Un total de 596 centros de Primaria e Secundaria de toda Galicia van participar o vindeiro curso no programa de ensino híbrido E-Dixgal. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP incorpora á iniciativa, a petición dos centros, dous colexios e deciden saír outros tres, de xeito voluntario. En concreto, os centros de nova incorporación son os colexios CEIP de Castrelo de Miño (Castrelo de Miño, Ourense) e o CEIP de Valeixe (A Caniza, Pontevedra). No que atinxe ás renuncias, son as do CEIP de Zalaeta (A Coruña), CEIP Península da Paz (Cervo) e a do Instituto Martaguisela (O Barco).
Foto de la tercera plana (festival.jpg) Durante seis días do mes de setembro, a cidade de Vigo acollerá un ciclo de concertos único que reunirá diferentes xeracións, estilos musicais e públicos nunha contorna privilexiada: o peirao de transatlánticos do Porto de Vigo, un espazo aberto ao Atlántico e situado en pleno corazón da ría de Vigo. Son e Mar combina música, identidade cultural e experiencia colectiva nunha programación pensada para todos os públicos. Ao longo do ciclo, preto de 50 artistas pasarán polo escenario principal e espérase unha asistencia superior ás 35.000 persoas entre todos os eventos programados.

Notas

Galicia prepárase para acoller a edición máis expansiva do festival Pint of Science, que este ano se celebrará de xeito simultáneo en 14 localidades galegas do 18 ao 20 de maio. O evento, que busca sacar a ciencia dos laboratorios e levala ao ambiente distendido dos bares, marca un fito en 2026 ao consolidar a súa presenza tanto nas sete grandes cidades como en concellos do rural e vilas de toda a xeografía galega.
Este mes de maio o campus de Ourense acolle a celebración dun ciclo dedicado a Edgar Neville, 'unha das figuras máis singulares e poliédricas do cinema español'. A iniciativa, froito da colaboración da Vicerreitoría do campus e o Ourense Film Festival (OUFF), está composta por catro proxeccións, unha cada xoves de mes, de obras cinematográficas deste autor, cuxa produción abrangue dende o fantástico ata a comedia costumista.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES