Notas de prensa

Acollida e hospitalidade no Camiño de Santiago difunde en Sevilla os valores xacobeos

Organizada por Turismo de Galicia, a exposición itinerante percorre con éxito varias cidades para homenaxear aos hospitaleiros voluntarios. É unha homenaxe a todos os hospitaleiros voluntarios a través dunha selecta colección de fotografías de Manuel G. Vicente que foron tomadas nas últimas décadas. A mostra pretende difundir os valores xacobeos ao longo da Vía da Prata.

A cidade de Sevilla acolle ata o 28 de outubro a exposición itinerante Acollida e hospitalidade no Camiño de Santiago, unha mostra que está a percorrer con éxito varias cidades, onde está a pór en valor a esencia dos valores xacobeos a través da arte.

A mostra, organizada por Turismo de Galicia, é unha homenaxe a todos os hospitaleiros voluntarios a través dunha selecta colección de fotografías de Manuel G. Vicente que foron tomadas nas últimas décadas. Expóñense imaxes tomadas desde finais dos anos 90 ata a actualidade, que dan mostra da hospitalidade de numerosos voluntarios en albergues e outros puntos do Camiño de Santiago.

A exposición deixa tamén patente o papel das asociacións de Amigos do Camiño e persoas individuais que enchen a Ruta Xacobea dun ambiente fraternal e solidario, difundindo a cultura e espiritualidade que conleva a experiencia do Camiño.

A exposición chega agora Sevilla despois de ter percorrido varias cidades con éxito de público. A mostra fora inaugurada en Santiago de Compostela con motivo da apertura do ano Xubilar da Misericordia e comezou despois unha extensa itinerancia en cidades galegas como Ourense, Mondoñedo, Tui, Samos e Ferrol. Tamén visitou varias igrexas e catedrais do ámbito internacional como Auckland, Durham e Exeter, en Reino Unido.

Durante este ano, e debido á súa grande acollida de público, amplía o seu periplo por España, presentándose en cidades como Almería, Carrión de los Condes, Guadix, Madrid, Málaga e agora, Sevilla, onde se inaugurou esta semana na antiga Fábrica de Tabacos, que alberga a facultade de Filoloxía e Xeografía e Historia da Universidade de Sevilla e que está incluída na ruta turística da cidade.

Ata finais de outubro

A inauguración da exposición en Sevilla, localidade pola que transcorre a Vía da Prata, enmarcouse, ademais, nos actos conmemorativos do 25 aniversario da Asociación de Amigos do Camiño de Sevilla e que contou coa conferencia do responsable de Cultura Xacobea do Xacobeo, Francisco Singul, que impartiu a conferencia O Camiño de Santiago, mentalidade e cultura dun feito histórico vivo.

Tras o seu paso por Sevilla –onde estará ata finais de mes- a exposición trasladarase en novembro á Royal Holloway University of London e posteriormente ao Auditorio Maestro Padilla, de Almería.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2017-10-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (cgac-2021.jpg) A Xunta de Galicia pon en marcha no Centro Galego de Arte Contemporánea o Club de escoita, unha actividade na que as persoas participantes lle porán banda sonora ás creacións artísticas que acolle esta entidade pública e que está dirixida polo músico galego Santi Araújo. O proxecto, que bota a andar a tarde de hoxe e desenvolveranse ata finais de maio, complementarase cunha actividade que se desenvolverá no pub Modus Vivendi, na nova liña estratéxica do Centro Galego de Arte Contemporánea de abrir aínda máis a súa programación á sociedade en contacto co resto de accións culturais que se levan a cabo na súa contorna.
Foto de la tercera plana (economia-porcentaxe.jpg) O presidente da Xunta informou de que o Consello deu luz verde ao proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2027, unhas contas que contan con 15.158 millóns de euros, 'o que supón un 6,4% máis que este ano' e que inclúen 'rebaixas de impostos para as clases medias e con menos recursos, para abaratar a vivenda e facilitar a transmisión da empresa familiar'. 'Galicia aprobará as súas contas, un ano máis, en tempo e forma. O que debería ser norma e non unha excepción para todas as Administracións. Os orzamentos son a ferramenta para que calquera Goberno poida facer axeitadamente o seu traballo.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da USC, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES