
O portavoz socialista adiantou o contido da sesión de control ao presidente da Xunta no Pleno do Parlamento, acusando a Feijóo de prexudicar a tódolos galegos e galegas pola súa circunstancia persoal de pretender mudarse á política nacional. O ánimo neocentralista, así como a hostilidade fronte a calquera recoñecemento da singularidade autonómica, provocan que renuncie a defender a Galicia.
Por iso, explica, admite o veto ao debate da transferencia da AP-9 sen argumentos e con tretas regulamentarias, e por iso evita calquera tipo de aportación relativa á reforma do modelo territorial de España.
Fernández Leiceaga explicou así que o balance do primeiro ano de goberno de Feijóo sexa unha absoluta carencia de proxecto político, cun goberno sen iniciativa lexisladora e cunha recuperación económica que non se nota na mellora dos servizos públicos, por moito que Galicia tivera 200 millóns de euros de investimentos adicionais o ano pasado.
Legado
Advertiu que a nula capacidade de impulso do goberno galego provocará que o legado de Feijóo sexa facer que Galicia pasara de ter, ao comezo da crise, unha taxa de desemprego seis puntos por debaixo da media estatal, a situarse por enriba en 2018, de acordo con tódalas previsións. Advertiu que a taxa de ocupación galega medra hoxe á metade que o resto do Estado.
Criticou que presumen de que Galicia crece, pero é algo que pasa en tódalas comunidades autónomas e no conxunto de España derivado do crecemento da zona euro, das baixas taxas de xuro e dos prezos do petróleo, e non pola actuación específica do goberno galego.
Lamentou que o presidente da Xunta continúe co chip instalado na crise, cunha xestión centrada en cadrar as contas e no equilibro presupostario, cando falta proxecto e capacidade de decidir, cun goberno sen máis obxectivo que sobrevivir día a día con políticas de curto alcance.
Meirás
O responsable socialista reclamou hoxe o apoio de tódolos grupos da Cámara á proposta socialista para constituír unha Comisión técnica que analice as vías posibles para devolverlle o Pazo de Meirás ao patrimonio público sen custe adicional. Só o pluralismo poderá garantir o consenso social para, sinalou, facerlle reflexionar á familia Franco e cambiar de actitude cando vexa que ten enfronte a toda a sociedade galega.
Fernández Leiceaga explicou as diferenzas coa proposta do PP que se debate no mesmo Pleno, xa que os socialistas, explicou, queremos que a Comisión sexa plural tamén politicamente e por iso debe ser a Xunta quen a lidere, pero da que participen a Deputación Provincial e os concellos de Sada e A Coruña.
Deste xeito garantirase o pluralismo de orixe con representantes de tódalas institucións e partidos políticos. Ademais, engadiu, a proposta socialista mantén a porta aberta a que a Comisión poida propoñer modificacións legais para conseguir recuperar este patrimonio e non limitarse a unha mera análise de procedemento.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.