Notas de prensa

Arrancan os trámites para declarar Ben de Interese Cultural a Ribeira Sacra na categoría de paisaxe cultural

A Xunta indica que a declaración como BIC comezará co obxectivo de que despois da exposición pública e as alegacións, se poida aprobar definitivamente a finais de 2018, con 3 valores que reúne a Ribeira Sacra para ser BIC: valores naturais, culturais e mixtos da interacción do ser humano coa natureza.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou na rolda de prensa do Consello o inicio dos trámites para declarar a Ribeira Sacra Ben de Interese Cultural, na categoría de paisaxe cultural.

En relación ao cronograma de delimitación do espazo do Ben de Interese Cultural, Feijóo subliñou que o expediente para a declaración como BIC comezará en decembro deste ano, co obxectivo de que despois da exposición pública e o período de alegacións, se poida aprobar definitivamente a finais do ano que vén.

Durante a rolda de prensa, Feijóo referiuse aos tres valores que reúne a Ribeira Sacra para ser BIC: valores naturais, debido á combinación de factores climáticos, xeomorfolóxicos, acuáticos e biolóxicos da zona; valores culturais, debido aos elementos relixiosos, seculares e etnolóxicos, ademais da rica toponimia local; e valores mixtos, que resultan da interacción do ser humano coa natureza.

Estes tres grupos de valores enmárcanse na xeomorfoloxía dos canóns e os seus afluentes principais; nos Bens de Interese Cultural e de valor extraordinario que están presentes na Ribeira Sacra e mais as súas contornas; e a característica estruturación do territorio en socalcos, abundou o presidente da Xunta.

A delimitación do BIC

En relación aos límites da paisaxe cultural Ribeira Sacra, Feijóo precisou que polo norte serán o canón do Miño, que limita a presa de Belesar e que cosen as parroquias de Rebordaos, no Saviñao, e de Pesqueiras, en Chantada; e polo sueste, o canón do Sil, que limita coas parroquias de Vilachá, na Pobra do Brollón, e a de Torbeo, en Ribas de Sil.

“O resto da delimitación é a que refire á liña de borde da bocarribeira”, engadiu, lembrando que este concepto, que popularizou Ramón Otero Pedrayo nun poemario, refírese á pendente que baixa desde o alto dunha montaña ata o río, e que na Ribeira Sacra adoita estar configurado en socalcos.

A área do BIC gozará ademais dunha protección especial, para asegurar os valores máis senlleiros da Ribeira Sacra. Así, nestas zonas, as actuacións nos bens singulares categorizados como BIC, as novas construcións, as rehabilitacións integrais e as actuacións que alteren a paisaxe de xeito importante necesitarán autorización da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

Cómpre salientar que por fóra do límite do futuro BIC atópanse os exoámbitos, que axudan a definir os valores extraordinarios da zona. Ao respecto, serán exoámbitos 17 bens, entre eles, o mosteiro de San Pedro de Rocas, o casco antigo de Monforte, o poboado de Montefurado e a colexiata de San Xoán de Portomarín, entre outros. Para actuar neles tamén será necesaria unha autorización da Xunta.

Por último, haberá unha terceira zona que funcionará como área de amortecemento, o que servirá como marxe de seguridade para evitar que a Ribeira Sacra se vexa prexudicada por algunha actuación exterior. E, nela fará falla unha autorización para executar grandes infraestruturas.

Cómpre subliñar tamén que quedará fóra do ámbito de autorización toda actividade agrícola, desde os viñedos ata outros cultivos tradicionais da zona, sempre que non supoña modificar os socalcos.

Tampouco necesitarán permiso da Xunta todos os traballos de mantemento e conservación que teñen que ver coa viticultura, incluíndo os sistemas de mecanización compatibles coa estrutura actual do terreo.

Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta subliñou que o ámbito proposto como BIC, engloba máis de 17.300 hectáreas, 306 quilómetros, 21 concellos, 86 parroquias e 171 núcleos de poboación.

En concreto, os concellos son: A Peroxa, A Pobra de Trives, A Pobra de Brollón, A Teixeira, Carballedo, Castro Caldelas, Chantada, Esgos, Monforte de Lemos, Montederramo, Nogueira de Ramuín, O Saviñao, Pantón, Parada de Sil, Paradela, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Sober, Taboada e Xunqueira de Espadanedo.

Segundo resaltou o máximo responsable autonómico, a Xunta inicia a declaración da Ribeira Sacra como BIC grazas á nova Lei de Patrimonio Cultural, que establece por primeira vez a categoría de paisaxe cultural: un lugar senlleiro configurado coa actuación conxunta da natureza e o ser humano durante séculos.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2017-09-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES