
A Xunta pon a disposición dos afectados pola cancelación de voos de Ryanair todos os medios cos que conta a Administración autonómica para que poidan defender os seus dereitos. Así, todos os pasaxeiros poden recibir información e asesoramento nas oficinas do Instituto Galego do Consumo e da Competencia nas sete principais cidades galegas, así como no teléfono gratuíto 900 23 11 23. Así mesmo, na web do IGCC infórmase sobre este caso concreto e sobre diferentes aspectos dos dereitos dos usuarios do transporte aéreo. Os viaxeiros tamén teñen á súa disposición a rede de 138 oficinas de información ao consumidor que hai nos concellos (OMICS) e as asociacións de consumidores e usuarios de Galicia.
Desde o organismo dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria recoméndase presentar unha reclamación ante a compañía, que se poderá realizar por correo ordinario ou electrónico; utilizando o formulario de reclamación da empresa ou o que facilita a Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA).
No caso de non recibir resposta no prazo dun mes ou esta non ser satisfactoria, os afectados poden presentar unha reclamación ante a AESA, que emitirá unha resolución que debe trasladar á compañía para que a cumpra. No caso de non facelo, os viaxeiros poden interpoñer unha reclamación en calquera das oficias do IGCC ou acudir á vía xudicial.
O Instituto Galego do Consumo e da Competencia lembra que, segundo recolle o Regulamento europeo (CE) 261/2004, os dereitos dos consumidores no caso dunha cancelación son, ademais do dereito á información sobre a situación e os dereitos que os asisten, o dereito de asistencia, o que inclúe comunicacións, manutención, aloxamento e transporte de ser necesario. Tamén poderán reclamar unha indemnización por danos e prexuízos.
Ademais, cando a compañía non avisa da cancelación con cando menos 14 días de antelación o pasaxeiro ten dereito a ser compensado economicamente, salvo determinadas excepcións, cunha contía que varía en función do traxecto, e que vai de 200 a 600 euros.
Por outra banda, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda xa se ten dirixido á Secretaría Xeral de Transporte do Ministerio de Fomento para solicitar información puntual sobre as diferentes medidas tomadas polo Goberno e o expediente aberto pola cancelación dos voos. A Xunta considera inadmisible esta cancelación xa que está a prexudicar os viaxeiros e o turismo de Galicia. Neste sentido, o Goberno galego salienta que as administracións que destinan fondos públicos a subvencionar os voos de Ryanair deberían esixir medidas na defensa dos intereses dos cidadáns.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.