
O Museo Centro Gaiás, da Cidade da Cultura de Galicia, convida os venres noite de outubro a unha descuberta diferente, distendida e vinculada co lecer das grandes exposicións que acolle: Flor Novoneyra e Da árbore á cadeira. E faino a través do programa As Nocturnas, nas que a música e arte visten e acompañan a estas visitas comentadas.
Deste xeito, as noites do 6, 13, 20 e 27 de outubro, o Museo Centro Gaiás abrirá as súas portas nun horario pouco habitual, á caída da noite, ás 21 horas, para recibir os participantes das Nocturnas cunha sesión DJ, petiscos e viño, cortesía de Galicia Calidade. A intención é crear un ambiente de relax no que serán guiados pola respectivas exposicións: Flor Novoneyra, os dous primeiros venres; e Da árbore á cadeira, os dous últimos do mes.
As Nocturnas propoñen uns venres noite de ocio, música pero sobre todo, moita arte, incluída a de todos os asistentes, xa que terán a oportunidade de experimentar con ela, ao ofrecérselle a posibilidade de facer a súa propia creación con láser-grafiti. Trátase dunha técnica que permite pintar sobre a parede cun punteiro láser, coa cor e textura que se desexe a modo de spray.
As nocturnas con Flor Novoneyra e Da árbore á cadeira
As Nocturnas arrancan o primeiro venres de outubro, día 6, vinculadas á exposición Flor Novoneyra. Esta descuberta singular --polo modo e a hora-- da exposición que une dous grandes da cultura galega como son Antón Lamazares e Uxío Novoneyra verase reforzada pola oportunidade que terán os asistentes de coñecer a mostra da man do mesmo equipo que a comisariou: Uxío Novoneyra fillo e a comisaria, María Díaz. Esta experiencia única repetirase ao seguinte venres, día 13.
A seguinte quenda das Nocturnas serán os últimos venres de outubro, os días 20 e 27, e terán como protagonista a exposición Da árbore á cadeira, toda unha viaxe emocional e patrimonial polos bosques autóctonos de Galicia, as súas madeiras, e os oficios tradicionais e de deseño de mobles vinculados a elas.
O percorrido desta visita orixinal e única coa chegada da noite comezará nos propios bosques galegos, baixo a ollada de fotógrafos como Manuel Vilariño, Vari Caramés, Xosé Caruncho, Juan de la Sota ou Juan Rodríguez; grandes artistas plásticos como Castelao, Seoane, Maside e figuras contemporáneas como Pamen Pereira ou Jorge Perianes. Nunha segunda etapa deste percorrido, a exposición ofrece unha viaxe polo deseño desde os pioneiros (Isaac Díaz Pardo, Alejandro e Jesús de la Sota e Xosé Bar Bóo) ate os contemporáneos, entre os que se atopan moitos dos grandes arquitectos e deseñadores galegos, como Manuel Gallego Jorreto, Irisarri e Piñera, Noguerol e Díaz, Iago Seara, Carlos Quintás, Creus e Carrasco, Tomás Alonso, Elías Cueto, Lucía Buceta ou Iñaki Leite.
Esta viaxe emocional será máis sensitiva aínda grazas ao ambiente distendido e de relax que se conseguirá coa música axeitada para o momento, con espazo para o lecer e a conversa, acompañado de petiscos e viño que farán das Nocturnas un acubillo de creación, ritmos e expansión para as primeiras noitiñas do outono.
A Xunta de Galicia pon en marcha no Centro Galego de Arte Contemporánea o Club de escoita, unha actividade na que as persoas participantes lle porán banda sonora ás creacións artísticas que acolle esta entidade pública e que está dirixida polo músico galego Santi Araújo. O proxecto, que bota a andar a tarde de hoxe e desenvolveranse ata finais de maio, complementarase cunha actividade que se desenvolverá no pub Modus Vivendi, na nova liña estratéxica do Centro Galego de Arte Contemporánea de abrir aínda máis a súa programación á sociedade en contacto co resto de accións culturais que se levan a cabo na súa contorna.
O presidente da Xunta informou de que o Consello deu luz verde ao proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2027, unhas contas que contan con 15.158 millóns de euros, 'o que supón un 6,4% máis que este ano' e que inclúen 'rebaixas de impostos para as clases medias e con menos recursos, para abaratar a vivenda e facilitar a transmisión da empresa familiar'. 'Galicia aprobará as súas contas, un ano máis, en tempo e forma. O que debería ser norma e non unha excepción para todas as Administracións. Os orzamentos son a ferramenta para que calquera Goberno poida facer axeitadamente o seu traballo.