Notas de prensa

Cultura e Educación convoca os clubs de lectura para o curso 2017/18

Valoraranse de xeito especial as iniciativas que impulsen a lectura de textos en galego e que fomenten tanto a participación de varóns como de alumnos con necesidades específicas de apoio educativo. Os clubs de lectura funcionan como grupos de dinamización a prol da lectura nas comunidades educativas e como ámbitos de aprendizaxe de competencias clave para a vida.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de publicar a convocatoria para a constitución de clubs de lectura en centros educativos que acollan alumnado de ESO, bacharelato, FP ou ensinanzas de réxime especial ao longo do curso 2017/18. O departamento dirixido por Román Rodríguez destina unha partida de 215.000 euros a este fin, un orzamento dirixido á adquisición de libros para as actividades do club, que pasarán posteriormente aos fondos da biblioteca escolar. Unha porcentaxe da asignación, non superior ao 25%, poderá destinarse a sufragar as actividades programadas para o funcionamento do club (encontros con autores e outras).

Á hora de seleccionar os centros valoraranse as iniciativas destinadas a impulsar a lectura de textos en lingua galega e que busquen contribuír a un maior vínculo das mozas e mozos coa lingua e a literatura galegas. Así mesmo, primaranse as que fomente a participación nos grupos de lectura de varóns, co fin de contrarrestar os estereotipos de xénero nesta materia. Así mesmo, serán valoradas de forma especial as propostas que impulsen a participación do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

Poderán presentar solicitude aqueles centros que inclúan un club de lectura na programación de actividades da biblioteca e que o inclúan na Programación Xeral Anual do centro para o curso 2017/18 ou, no seu defecto, que o comuniquen ao claustro e ao consello escolar no presente ano 2017.

11.000 participantes

Os clubs de lectura funcionan como grupos de dinamización a prol da lectura nas comunidades educativas e como ámbitos de aprendizaxe de competencias clave para a vida. Asemade, ao implicar a diferentes membros da comunidade, son espazos para a convivencia e a educación cidadá; ao mesmo tempo que son útiles para incorporar á lectura a mozos e mozas que presentan pouco interese por este hábito. Os clubs estanse demostrando, así mesmo, útiles para mellorar a autoestima e as habilidades sociais e de lectura do alumnado con dificultades específicas de aprendizaxe.

Por outra banda, nestas reunións adoitan introducirse as tecnoloxías da comunicación e a lectura dixital, así como as relacións con outros clubs, con bibliotecas públicas ou con entidades culturais do entorno máis próximo.

No curso 2016/17 participaron nos clubs de lectura máis de 11.000 lectoras e lectores, vinculados a 243 centros educativos.

Cómpre sinalar, ademais, que o Plan LÍA 2016-2020 de bibliotecas escolares contempla como ámbitos de actuación para este período varios desafíos, entre eles o denominado Máis e mellores experiencias lectoras, que recolle entre as súas medidas a continuidade da convocatoria dos clubs de lectura, así como o deseño e posta en marcha de iniciativas destinadas a promover a lectura entre os denominados grupos de risco (adolescentes e varóns, fundamentalmente), así como entre o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2017-09-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (cgac-2021.jpg) A Xunta de Galicia pon en marcha no Centro Galego de Arte Contemporánea o Club de escoita, unha actividade na que as persoas participantes lle porán banda sonora ás creacións artísticas que acolle esta entidade pública e que está dirixida polo músico galego Santi Araújo. O proxecto, que bota a andar a tarde de hoxe e desenvolveranse ata finais de maio, complementarase cunha actividade que se desenvolverá no pub Modus Vivendi, na nova liña estratéxica do Centro Galego de Arte Contemporánea de abrir aínda máis a súa programación á sociedade en contacto co resto de accións culturais que se levan a cabo na súa contorna.
Foto de la tercera plana (economia-porcentaxe.jpg) O presidente da Xunta informou de que o Consello deu luz verde ao proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2027, unhas contas que contan con 15.158 millóns de euros, 'o que supón un 6,4% máis que este ano' e que inclúen 'rebaixas de impostos para as clases medias e con menos recursos, para abaratar a vivenda e facilitar a transmisión da empresa familiar'. 'Galicia aprobará as súas contas, un ano máis, en tempo e forma. O que debería ser norma e non unha excepción para todas as Administracións. Os orzamentos son a ferramenta para que calquera Goberno poida facer axeitadamente o seu traballo.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da USC, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES