Notas de prensa

Flor Novoneyra, o testamento pictórico de Lamazares, permanece ata o 15 de outubro no Museo Gaiás,

A mostra, que une dous xigantes da cultura galega como Lamazares e Uxío Novoneyra, tiña previsto clausurarse o 17 de setembro, tras inaugurarse o 3 de xuño. Esta exposición, xunto á ‘Da árbore á cadeira’ que continúa ata o 5 de novembro, conta con visitas comentadas ata mediados de mes, ao igual que o complexo arquitectónico. As dúas mostras son protagonistas durante todos os sábados de setembro de obradoiros creativos e artísticos para as familias.

Flor Novoneyra, a ambiciosa exposición sobre un dos pintores galegos con maior recoñecemento e proxección internacional: Antón Lamazares (Lalín, 1954), amplía a súa estadía no Museo Centro Gaiás, na Cidade da Cultura de Galicia, ata o 15 de outubro.

A exposición, que une dos xigantes da cultura galega como Lamazares e Uxío Novoneyra, foi inaugurada o 3 de xuño e tiña previsto clausurarse o 17 de setembro. No entanto, o Museo Centro Gaiás continuará a albergar un mes máis esta mostra que o mesmo artista do Deza define como o seu “testamento pictórico”.

Flor Novoneyra está formada por máis dun cento de obras nas que Lamazares transcribe versos do poeta do Courel empregando o seu coñecido Alfabeto Delfín, un código inspirado no abecedario occidental que o pintor bautizou co nome do seu pai. A exposición supón, así, un diálogo entre pintura e poesía, o encontro entre o pintor que quería ser poeta, como Lamazares se ten descrito ao longo da súa carreira, co poeta namorado da pintura.

Ademais dos cadros de Lamazares, exhibe cincuenta caligramas do poeta, considerado un dos introdutores da poesía caligráfica na literatura galega. A través dun espazo sonoro, o visitante reencontrarase tamén nesta exposición coa voz de Novoneyra, considerado un gran dicidor de versos. A mostra complétase con retratos do autor do Courel realizados por Laxeiro, Tino Grandío, Tavera ou Lorente e cunha escolla de exemplares das súas obras.

Ampliación das visitas comentadas

Deste xeito, Flor Novoneyra compartirá espazo por máis tempo coa outra grande exposición que acolle na actualidade o Museo Centro Gaiás, Da árbore á cadeira, que pon en valor a riqueza ambiental dos bosques, da tradición en Galicia dos oficios vinculados ás artes da madeira e ao do deseño contemporáneo do moble. Ambas contaron durante os meses de verán de xullo e agosto con visitas comentadas, de balde, pola mañá e pola tarde, ás 12,30 e 17,30 horas, para unha descuberta máis polo miúdo de todas as pezas e as interesantes historias que agochan.

Estas dúas quenda diarias, de martes a domingos, tamén se ampliará a setembro, ata o día 17, ao igual que as visitas comentadas que se realizan ao complexo arquitectónico ideado por Peter Eisenman.
Estas visitas arquitectónicas, tamén gratuítas, están programadas de martes a domingo ás 11 horas, e 12 horas en inglés, para dar a coñecer os segredos de cada recuncho desta xoia da arquitectura contemporánea e lévanse a cabo tanto polos edificios como polos espazos verdes e de descanso cos que conta a Cidade da Cultura.

'Findes na Balea'

Ademais, durante todo os sábados deste mes de setembro realizaranse no Museo Centro Gaiás obradoiros creativos para as familias, vinculados ás exposicións Flor Novoneyra e Da árbore á cadeira, grazas á volta do programa de experimentación artística Findes na Balea.

Trátase de tres obradoiros que se celebrarán en cinco sesión de dúas horas de duración cada unha: Xardíns Portátiles (o 2 e o 16 de setembro), Poesía Visual (9 de setembro) e Debuxando o Gaiás (o 23 e o 30 de setembro). Neles, os máis pequenos da casa amosarán o seu gran potencial artístico e creativo construíndo o seu xardín coas plantas que se dan espontaneamente no Monte Gaiás e que levarán para a casa: creando un poema visual co Alfabeto Delfín de Lamazares; ou reflectindo plástica e pictoricamente a súa propia visión da Cidade da Cultura.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2017-09-01

Actualidad

Foto del resto de noticias (cgac-2021.jpg) A Xunta de Galicia pon en marcha no Centro Galego de Arte Contemporánea o Club de escoita, unha actividade na que as persoas participantes lle porán banda sonora ás creacións artísticas que acolle esta entidade pública e que está dirixida polo músico galego Santi Araújo. O proxecto, que bota a andar a tarde de hoxe e desenvolveranse ata finais de maio, complementarase cunha actividade que se desenvolverá no pub Modus Vivendi, na nova liña estratéxica do Centro Galego de Arte Contemporánea de abrir aínda máis a súa programación á sociedade en contacto co resto de accións culturais que se levan a cabo na súa contorna.
Foto de la tercera plana (economia-porcentaxe.jpg) O presidente da Xunta informou de que o Consello deu luz verde ao proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2027, unhas contas que contan con 15.158 millóns de euros, 'o que supón un 6,4% máis que este ano' e que inclúen 'rebaixas de impostos para as clases medias e con menos recursos, para abaratar a vivenda e facilitar a transmisión da empresa familiar'. 'Galicia aprobará as súas contas, un ano máis, en tempo e forma. O que debería ser norma e non unha excepción para todas as Administracións. Os orzamentos son a ferramenta para que calquera Goberno poida facer axeitadamente o seu traballo.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da USC, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES