Notas de prensa

O Feito a Man aumenta a súa programación e acolle case 80 espectáculos en Compostela do 3 ao 30 de agosto

Setenta e oito concertos e outras tantas bandas e/ou artistas volverán encher as rúas e prazas da Cidade Vella compostelá. O Concello de Santiago colabora na décimo cuarta edición do Feito a Man, o festival de rúa organizado pola Asociación Cultural Cidade Vella, que terá lugar do 3 ao 30 de agosto, con máis días de programación, máis concertos e máis artistas, según destacou o alcalde na presentación.

O programa foi presentado na praza de Feixóo, coa presenza do alcalde, Martiño Noriega; da vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, e de Manu Rodríguez e Ánxeles Porto, por parte da organización. A parte musical correu a cargo de Espiño.

O alcalde destacou que o Feito a Man é "o fío musical polo que se emite a banda sonora do mes de agosto de Compostela. Eses concertos que te sorprenden camiñando pola cidade histórica". Por iso, engadiu, "o Concello está encantado de colaborar e de duplicar esforzos para continuar consolidando a música en compostela".

Polo Feito a Man deste ano, o máis longo e abondoso de todos os que se teñen celebrado, pasarán máis de 70 propostas artísticas diferentes de diversos estilos musicais: pop, rock, blues, jazz, hip hop, música tradicional galega… Como vén sendo habitual, o groso do festival recae nos concertos de pequeno formato realizados nas terrazas dos establecementos organizadores, mais tamén haberá lugar para noites con artistas de maior formato. Así, á parte de rúas como a Vía Sacra, a rúa da Orfas, a praza de Feixóo, Tras San Fiz de Solovio ou rúa Xelmírez, haberá actuacións nas prazas de Mazarelos, San Martiño Pinario, Cervantes ou Quintana.

Dous concertos especiais

Esta última praza acollerá dous concertos de maiores dimensións e de pagamento: o 20 de agosto, un concerto dos escoceses Shooglenifty coa Banda das Crechas e as Tanxugueiras, que levará o nome de Noite para Angus, o violinista da banda escocesa que tanta relación tiña con Galicia; e o día 30, para fechar o festival, terá lugar o espectáculo Camiñar sen fin. Concerto para Narf, no que participarán ducias de artistas do mundo da música e das artes escénicas que farán un percorrido pola carreira de Fran Pérez ‘Narf’.

Bandas locais e internacionais

Nestes 28 días de programación continuada, con dous ou tres concertos diarios en diferentes puntos da cidade, poderemos ver concertos de moitos xéneros musicais e tamén de distintas procedencias. Tal e como é sinal de identidade dende o comezo da propia existencia deste festival, continuará a promover a escena local cunha programación na que se prima o talento de proximidade.

Poderemos escoitar bandas como Oh Ayatollah, Espiño, Som do Galpóm, Os d’Abaixo, Valentin Caamaño Trío, Trifasic, Zapa, Chocolate Band, Mojo Experience, Pablo Sanmamed Trio, Alô Django, Garcia Mc, The Neighbour, Banda das Crechas, Grüvzilla, Leira Catro, The Show Bass, Puma Pumku, Noe Black ou Tres Pesos. Alén disto, tamén haberá bandas internacionais como Quique Escamilla (Canadá/México), Kyekyeku (Ghana), Kamankola (Cuba), DJ Najle (Colombia), Cygne (USA), Kaela Rowan Band (Escocia), Haema (Portugal), Michelle Alany and the Mystics (USA), Scratchy Sounds (Inglaterra), Mongrel State (Irlanda) ou Luiz Caracol (Portugal).

Outras novidades

Alén da programación, o festival este ano estrea viño propio, un ribeiro con uva treixadura que leva o nome do festival. E tamén unha app, tanto para móbiles Android como iOS, que se pode descargar de forma gratuíta.

Este festival, organizado pola Asociación Cultural Cidade Vella, está apoiado polo Concello de Santiago e pola Deputación da Coruña, ademais de patrocinado por Estrella Galicia.

Gabinete de Comunicación do Concello de Santiago de Compostela, 2017-07-31

Actualidad

Foto del resto de noticias (cgac-2021.jpg) A Xunta de Galicia pon en marcha no Centro Galego de Arte Contemporánea o Club de escoita, unha actividade na que as persoas participantes lle porán banda sonora ás creacións artísticas que acolle esta entidade pública e que está dirixida polo músico galego Santi Araújo. O proxecto, que bota a andar a tarde de hoxe e desenvolveranse ata finais de maio, complementarase cunha actividade que se desenvolverá no pub Modus Vivendi, na nova liña estratéxica do Centro Galego de Arte Contemporánea de abrir aínda máis a súa programación á sociedade en contacto co resto de accións culturais que se levan a cabo na súa contorna.
Foto de la tercera plana (economia-porcentaxe.jpg) O presidente da Xunta informou de que o Consello deu luz verde ao proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2027, unhas contas que contan con 15.158 millóns de euros, 'o que supón un 6,4% máis que este ano' e que inclúen 'rebaixas de impostos para as clases medias e con menos recursos, para abaratar a vivenda e facilitar a transmisión da empresa familiar'. 'Galicia aprobará as súas contas, un ano máis, en tempo e forma. O que debería ser norma e non unha excepción para todas as Administracións. Os orzamentos son a ferramenta para que calquera Goberno poida facer axeitadamente o seu traballo.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da USC, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES