Notas de prensa

O Festival SonRías Baixas conmemora o seu 15º aniversario con 15 bandas no seu cartel de 2017

Amparanoia, Estopa e Dubioza Kolective encabezan a programación, na que a representación galega correrá a cargo de Sés, Wöyza, Dakidarría, Guerrera, Hexany e The Soul Breakers. É un dos 20 eventos subvencionados este ano pola Xunta a través da convocatoria de axudas públicas a festivais de música e de artes escénicas.

A organización do Festival SonRías Baixas de Bueu presentou o programa completo da súa décimo quinta edición, que do 3 ao 5 de agosto ofrecerá as actuacións de 15 coñecidas bandas do panorama estatal e internacional, ademais dunha programación complementaria destinada a poñer en valor os atractivos turísticos, paixasísticos e gastronómicos da zona.

Así o destacou Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), quen explicou que o evento volve contar co apoio económico da Xunta de Galicia como un dos 20 encontros subvencionados este ano a través da convocatoria de axudas a festivais de música e de artes escénicas. Sutil participou na presentación que tivo lugar na praia da Banda do Río e na que tamén interviñeron Félix Juncal Novas, alcalde de Bueu; Jordi Lauren, director artístico do festival; e os representantes do resto de entidades patrocinadoras e colaboradoras.

Ademais de felicitar a organización polo 15º aniversario desta cita, que cada ano bate récords de asistencia, o director da Agadic puxo ao SonRías como exemplo da capacidade dos equipos galegos de produción artística que, nas súas palabras, son “posuidores duns estándares de calidade ao nivel das mellores empresas do país, e capaces de poñer en pé con total solvencia eventos multitudinarios”. “Na meirande parte dos casos, como sucede precisamente no SonRías Baixas coa Asociación Troula na Banda, estamos a falar de colectivos locais que, con moita profesionalidade, están a contribuír a que Galicia sexa a terra dos mil festivais, cada un coas súa particularidades e valores”, indicou.

Promoción da música galega

Explicou tamén que para a concesión das subvencións da Agadic a festivais de música tense moi en conta a promoción dos grupos e artistas galegos, de xeito que, ademais de facer fincapé no carácter estratéxico deste tipo de eventos para o desenvolvemento cultural, turístico e económico das súas zonas de influencia, se prima o seu papel como difusores da nosa música.

Deste xeito, xunto con grupos como Amparanoia, Estopa ou Dubioza Kolectiv, no cartel deste ano tamén hai unha destacada representación galega coas actuacións de Sés, Dakidarría, Wöyza, Guerrera, Hexany e The Soul Breakers.

Propostas lúdico-gastronómica

As catro últimas bandas serán as encargadas de poñerlle música á proposta lúdico-gastronómica que a organización ten preparada para o mediodía do sábado 5 e que este ano, como novidade, se traslada á praia da Banda do Río. Na coñecida como Casa SonRías, os integrantes do colectivo Poetarras poranse aos fogóns xunto con El Rincón de Cela e Ipeansa Catering.

Ademais, o SonRías Baixas volve incorporar o audiovisual á súa programación grazas á colaboración co Festival Internacional de Curtamentraxes FICBueu, que na tarde do sábado programará seis curtas de temática musical no Centro Social do Mar.

O SonRías será tamén o primeiro festival galego en empregar as pulseiras cashless como método de pago dentro do recinto do festival. Tanto a precarga das pulseiras como a venda de abonos e entradas diarias están xa operativas a través do web www.sonriasbiaxas.info.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2017-07-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (cgac-2021.jpg) A Xunta de Galicia pon en marcha no Centro Galego de Arte Contemporánea o Club de escoita, unha actividade na que as persoas participantes lle porán banda sonora ás creacións artísticas que acolle esta entidade pública e que está dirixida polo músico galego Santi Araújo. O proxecto, que bota a andar a tarde de hoxe e desenvolveranse ata finais de maio, complementarase cunha actividade que se desenvolverá no pub Modus Vivendi, na nova liña estratéxica do Centro Galego de Arte Contemporánea de abrir aínda máis a súa programación á sociedade en contacto co resto de accións culturais que se levan a cabo na súa contorna.
Foto de la tercera plana (economia-porcentaxe.jpg) O presidente da Xunta informou de que o Consello deu luz verde ao proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2027, unhas contas que contan con 15.158 millóns de euros, 'o que supón un 6,4% máis que este ano' e que inclúen 'rebaixas de impostos para as clases medias e con menos recursos, para abaratar a vivenda e facilitar a transmisión da empresa familiar'. 'Galicia aprobará as súas contas, un ano máis, en tempo e forma. O que debería ser norma e non unha excepción para todas as Administracións. Os orzamentos son a ferramenta para que calquera Goberno poida facer axeitadamente o seu traballo.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da USC, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES