Notas de prensa

Volve a Rede de Música ao Vivo con Caxade, Eladio y los Seres Queridos, Alfredo García Quintet e Los Mecánicos

A nova programación semestral reúne 32 formacións de todos os estilos musicais nun circuíto de espazos que suma 5710 localidades. Agadic levará a cabo ata decembro 109 concertos e 2 actuacións de maxia en 31 locais asociados de 20 localidades. A carteleira está composta maioritariamente por solistas e bandas galegos.

A Rede Galega de Música ao Vivo, un dos circuítos de exhibición de espectáculos que xestiona a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), da Consellería de Cultura e Educación, inicia a súa nova temporada de programación semestral cos concertos de Caxade, Eladio y los Seres Queridos, Alfredo García Quintet e Los Mecánicos en distintas salas galegas.

O directo de Caxade sobre o seu novo disco E isto é o amor o martes 18 de xullo, na Sala Aturuxo de Bueu; en tanto que Eladio y los Seres Queridos presentarán Cantares o xoves 20 en A Ventana de Laxe. Ese mesmo día soará o jazz de Alfredo García Quintet no Garufa Club da Coruña e Los Mecánicos interpretarán o recital titulado Grandes éxitos de los años 60 no Pub Gatos de Melide o venres 21 ás doce da noite.

Estas son só as primeiras citas musicais do circuíto, que continuará a desenvolverse ata finais de decembro cunha programación de 111 concertos e actuacións nas 31 salas asociadas de 20 localidades de toda Galicia: A Coruña, A Illa de Arousa, Allariz, Baiona, Bueu, Cangas de Morrazo, Cervo, Culleredo, Ferrol, Laxe, Lugo, Melide, Moaña, O Barco de Valdeorras, O Grove, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, Vigo e Vilagarcía de Arousa. A suma das capacidades dos recintos integrantes dá como resultado un total de 5710 localidades para a Rede Galega de Música ao Vivo,
Solistas e bandas de todos os estilos

A carteleira está composta maioritariamente por solistas e bandas galegos, como son os casos de Tanxungueiras, IGMIG; Blues do País, Dakidarría, Agoraphobia, Emilio Rúa, Cora Sayers, Raiba, Igloo, Brinkadelia Troupe, Gelria, Habelas Hainas ou Bicos con Luvas, entre outros. Complétase con dúas actuacións de maxia a cargo do Mago Deime, que terán lugar en concreto, o 25 de novembro na Sala Muíño de Cervo e o 8 de decembro en A Fundación de Melide.

Esta rede, para a que se conta tamén coa colaboración da Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo (Clubtura) ten como obxectivo prioritario atender as necesidades de distribución dos grupos e intérpretes musicais galegos de moi diferentes estilos, ademais de contribuír á estabilidade na programación das salas galegas de música en directo. O calendario detallado de actividade pode consultarse en www.agadic.gal/Axenda.

Ademais da programación da Rede Galega de Música ao Vivo, a Agadic mantén na actualidade outros circuítos de espectáculos, como son Cultura no Camiño, que se desenvolve ata o 30 de setembro en localidades das rutas xacobeas; Danza 3, que está a levar este ano o baile e a música tradicionais galegas a 12 concellos; a Rede Galega de Teatros de Auditorios, que retomará a súa actividade o 1 de agosto; e a Rede Galega de Salas, que volverá ao encontro co público o 23 de setembro.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2017-07-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (cgac-2021.jpg) A Xunta de Galicia pon en marcha no Centro Galego de Arte Contemporánea o Club de escoita, unha actividade na que as persoas participantes lle porán banda sonora ás creacións artísticas que acolle esta entidade pública e que está dirixida polo músico galego Santi Araújo. O proxecto, que bota a andar a tarde de hoxe e desenvolveranse ata finais de maio, complementarase cunha actividade que se desenvolverá no pub Modus Vivendi, na nova liña estratéxica do Centro Galego de Arte Contemporánea de abrir aínda máis a súa programación á sociedade en contacto co resto de accións culturais que se levan a cabo na súa contorna.
Foto de la tercera plana (economia-porcentaxe.jpg) O presidente da Xunta informou de que o Consello deu luz verde ao proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2027, unhas contas que contan con 15.158 millóns de euros, 'o que supón un 6,4% máis que este ano' e que inclúen 'rebaixas de impostos para as clases medias e con menos recursos, para abaratar a vivenda e facilitar a transmisión da empresa familiar'. 'Galicia aprobará as súas contas, un ano máis, en tempo e forma. O que debería ser norma e non unha excepción para todas as Administracións. Os orzamentos son a ferramenta para que calquera Goberno poida facer axeitadamente o seu traballo.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da USC, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES