Notas de prensa

Un espectáculo musical galego-cubano con Alejandro Vargas e Rosa Cedrón recorda ao compositor Chané

Unha selección de músicos de varias nacionalidades, liderados polo pianista cubano Alejandro Vargas, xunto coa voz de Rosa Cedrón, ofrecerán una visión nova e libre de prexuízos das populares músicas dun dos compositores imprescindibles da historia da música galega, Chané, coincidindo co centenario do seu pasamento.

Un gran espectáculo musical galego-cubano recordará ao compositor José Castro González "Chané", no centenario do seu pasamento. Unha selección de músicos de varias nacionalidades, liderados polo pianista cubano Alejandro Vargas, xunto coa voz de Rosa Cedrón, ofrecerán una visión nova e libre de prexuízos das populares músicas dun dos compositores imprescindibles da historia da música galega. Chané é un dos compositores galegos imprescindibles de fins do século XIX e comezos do XX e un dos artífices da creación da Canción Galega de Concerto, do movemento coral contemporáneo e -en definitiva- da Música Popular Urbana Galega.

Chané na Habana aborda a totalidade da obra conservada do xenial compositor galego, por primeira vez e dunha maneira inédita: desde o sentir musical cubano. O autor de clásicos como "Os teus ollos" ou "Un adios a Mariquiña" viviu e desenvolveu grande parte da súa obra na Habana e neste 2017, cen anos despois da súa morte, varios músicos de catro nacionalidades distintas abrazan e reelaboran o seu repertorio para devolvelo cunha nova vitalidade ao maxín popular galego.

Só se ofrecerán dous concertos deste singular espectáculo musical producido por aCentral Folque coa colaboración da Deputación da Coruña e dos Concellos de Santiago de Compostela e da Coruña. Será dentro das festas patronais das dúas cidades chanelianas: a estrea será o 29 de xullo na praza da Quintana, en Santiago de Compostela, e despedida, na praza de María Pita, o 3 de agosto. Despois, editarase un disco conmemorativo que se presentará en outono nas vilas de Rianxo e Melide. Serán as derradeiras ocasións de gozar ao vivo coa grandeza deste espectáculo único.

Ramon Pinheiro, director artístico do proxecto, salientou esta mañá na presentación pública do proxecto a aposta pola musicalidade cubana e a importancia da recuperación da obra de Chané en arquivos de todo o mundo. "Hai uns días aparecía unha canción súa na Biblioteca Nacional de Francia", apuntou. A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, pola súa banda, destacou a pertinencia deste proxecto "único, singular, referencial, que vai unir dúas culturas e dúas linguas, dúas tradicións que levan influenciándose séculos: Galiza e Cuba".

O concelleiro de Educación e Cidadanía de Santiago de Compostela, Manuel Dios, puxo o acento na colaboración institucional entre dous concellos e a Deputación á hora de render merecida homenaxe a Chané, "recuperando a vida e a obra dun músico cun grande recoñecemento internacional na súa época pero que hoxe é un descoñecido". Finalmente, concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento da Coruña, José Manuel Sande, destacou que o espectáculo "rompe a falsa dicotomía entre festas e cultura, traballando pola cultura e pola recuperación histórica dende unha perspectiva festiva e de goce". "É unha oportunidade única para todos os galegos e non galegos que poderán gozar co coidado traballo deste conxunto de músicos magníficos, un combinado internacional das estrelas", concluíu. O acto de presentación, contou tamén coa presenza de Xaquín López, director-xerente do Auditorio de Galicia, e co dos músicos Alejandro Vargas e Rosa Cedrón, que agasallaron aos asistentes coa interpretación de "Os teus ollos", unha das pezas máis coñecidas de Chané.

Gabinete de Comunicación do Concello de Santiago de Compostela, 2017-07-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (cgac-2021.jpg) A Xunta de Galicia pon en marcha no Centro Galego de Arte Contemporánea o Club de escoita, unha actividade na que as persoas participantes lle porán banda sonora ás creacións artísticas que acolle esta entidade pública e que está dirixida polo músico galego Santi Araújo. O proxecto, que bota a andar a tarde de hoxe e desenvolveranse ata finais de maio, complementarase cunha actividade que se desenvolverá no pub Modus Vivendi, na nova liña estratéxica do Centro Galego de Arte Contemporánea de abrir aínda máis a súa programación á sociedade en contacto co resto de accións culturais que se levan a cabo na súa contorna.
Foto de la tercera plana (economia-porcentaxe.jpg) O presidente da Xunta informou de que o Consello deu luz verde ao proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2027, unhas contas que contan con 15.158 millóns de euros, 'o que supón un 6,4% máis que este ano' e que inclúen 'rebaixas de impostos para as clases medias e con menos recursos, para abaratar a vivenda e facilitar a transmisión da empresa familiar'. 'Galicia aprobará as súas contas, un ano máis, en tempo e forma. O que debería ser norma e non unha excepción para todas as Administracións. Os orzamentos son a ferramenta para que calquera Goberno poida facer axeitadamente o seu traballo.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da USC, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES