Notas de prensa

Carlos Núñez retorna a música medieval a Oseira, Santo Estevo e Montederramo cos instrumentos do Pórtico do Paraíso

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o músico presentaron en San Pedro de Rocas os tres concertos que Núñez ofrecerá os días 27,28 e 29 de xullo. Os eventos, enmarcados na iniciativa “A tradición medieval”, teñen como obxectivo poñer en valor os instrumentos do Pórtico do Paraíso, para o cal, nos concertos utilizaranse réplicas dos instrumentos que aparecen nesta xoia escultórica da catedral de Ourense.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o gaiteiro Carlos Núñez, acompañados polos alcaldes de Nogueira de Ramuín, Montederramo e San Cristovo de Cea, e o director do Obradoiro de instrumentos da Deputación, Manuel Brañas, presentaron no mosteiro de San Pedro de Rocas os concertos que Carlos Núñez ofrece os días 27, 28 e 29 de xullo nos mosteiros de Santo Estevo de Rivas do Sil, Oseira e Santa María de Montederramo, coa colaboración da Deputación de Ourense. Os eventos, enmarcados na iniciativa “A tradición medieval”, ten como obxectivo poñer en valor os instrumentos do Pórtico do Paraíso, para o cal, nos concertos utilizaranse réplicas dos instrumentos que aparecen nesta xoia escultórica da catedral de Ourense, “unindo música, tradición e estes enclaves únicos pola súa riqueza histórica e patrimonial da provincia de Ourense”, explicou Manuel Baltar.

O presidente do goberno provincial destacou que este proxecto musical “é posible grazas ao labor de recuperación dos instrumentos do Pórtico do Paraíso realizada por Manuel Brañas e á sensibilidade dun gran compositor e investigador musical como é Carlos Núñez. A autenticidade do evento, o intérprete e os lugares onde se van celebrar estes concertos, son tres elementos que conflúen para darlle a estes concertos un carácter único e máxico”, dixo Manuel Baltar.

“Trátase de, a través da música, reivindicar a nosa identidade e o peso da cultura e da tradición dun pobo tan rico etnográfica e historicamente como o noso”, explicou Baltar, quen subliñou que esta iniciativa de colaboración entre a Deputación de Ourense e Carlos Núñez vai continuar no vindeiro festival “Pórtico do Paraíso” con diferentes actividades, entre as cales figura un concerto que o músico ofrecerá na catedral de Ourense en marzo de 2018.

Pola súa banda, Carlos Núñez explicou que este proxecto “vai a axudarnos a darlle vida a todo ese patrimonio medieval musical, escrito en arte e pedra, o cal afortunadamente puidemos recuperar, e así poder ofrecer concertos en acústico en recintos históricos singulares como estes mosteiros, verdadeiros tesouros arquitectónicos”. O repertorio que Carlos Núñez ofrecerá nestes tres concertos serán cantigas e melodías interpretadas por músicos durante séculos, sons que me devolven ás miñas orixes, sempre conectadas coa provincia de Ourense”, afirma o músico.

Os concertos serán o 27 de xullo, ás 21.00 horas, no claustro dos bispos do mosteiro de Santo Estevo de Rivas do Sil; o día 28, ás 20.30 horas, na igrexa do mosteiro de Oseira, e o día 29, ás 21.00 horas, na igrexa do mosteiro de Montederramo. As entradas pódense adquirir na plataforma Ataquilla.com.

Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Ourense, 2017-07-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (cgac-2021.jpg) A Xunta de Galicia pon en marcha no Centro Galego de Arte Contemporánea o Club de escoita, unha actividade na que as persoas participantes lle porán banda sonora ás creacións artísticas que acolle esta entidade pública e que está dirixida polo músico galego Santi Araújo. O proxecto, que bota a andar a tarde de hoxe e desenvolveranse ata finais de maio, complementarase cunha actividade que se desenvolverá no pub Modus Vivendi, na nova liña estratéxica do Centro Galego de Arte Contemporánea de abrir aínda máis a súa programación á sociedade en contacto co resto de accións culturais que se levan a cabo na súa contorna.
Foto de la tercera plana (economia-porcentaxe.jpg) O presidente da Xunta informou de que o Consello deu luz verde ao proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2027, unhas contas que contan con 15.158 millóns de euros, 'o que supón un 6,4% máis que este ano' e que inclúen 'rebaixas de impostos para as clases medias e con menos recursos, para abaratar a vivenda e facilitar a transmisión da empresa familiar'. 'Galicia aprobará as súas contas, un ano máis, en tempo e forma. O que debería ser norma e non unha excepción para todas as Administracións. Os orzamentos son a ferramenta para que calquera Goberno poida facer axeitadamente o seu traballo.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da USC, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES