Notas de prensa

Galicia presenta en China os seus atractivos turísticos: o patrimonio cultural e natural

Galicia defínese como un destino de contrastes con infinidade de posibilidades que fan dela un destino atractivo durante os 365 días do ano. O presidente da Xunta reuniuse co viceministro de Relacións Internacionais, Guo Yezhou e destacou atractivos como a Ruta da Camelia e a Muralla de Lugo, Patrimonio da Humanidade, irmandada coa Gran Muralla China desde 2007.

A Comunidade galega presentou, no Instituto Cervantes de Pekín, ante 30 empresas chinesas especializadas en turismo e preto de 20 turoperadores os seus principais atractivos turísticos, co patrimonio cultural, a natureza e a gastronomía como elementos destacados.

O presidente da Xunta, que non puido asistir á presentación debido a unha reunión co viceministro de Relacións Internacionais, Guo Yezhou, salientou a importancia deste acto para dar a coñecer Galicia e incrementar o turismo chinés, referíndose ademais a dous importantes recursos turísticos que unen ambos os dous territorios: a Ruta da Camelia deseñada para percorrer a Comunidade de norte a sur a través de 12 pazos e xardíns públicos con espléndidos exemplares e, por outra banda, a Muralla de Lugo, Patrimonio da Humanidade, irmandada coa Gran Muralla China desde 2007.

Feijóo incidiu en que Galicia é unha comunidade hospitalaria, disposta a acoller a visitantes; cunha gastronomía valorada; cun impoñente patrimonio histórico e artístico e cunha enorme riqueza natural e potencial termal. E, nesta liña, destacou o dobre obxectivo deste acto: que os peregrinos chineses que xa viñeron a Galicia volvan para descubrir os demais atractivos turísticos da nosa terra. E que cada vez máis cidadáns se animen a coñecer en primeira persoa a ruta que vertebrou Europa.

Durante o acto de presentación, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, definiu Galicia como “un destino de contrastes con infinidade de posibilidades” que fan dela un lugar atractivo durante os 365 días do ano.

Así referiuse ao Camiño de Santiago como un dos principais recursos turísticos; unha ruta onde se mesturan patrimonio histórico, natureza e culturas chegadas dos cinco continentes e que interesa cada vez máis aos chineses, cuxa presenza non deixou de incrementarse na última década.

As preto de 400.000 hectáreas protexidas coas que conta Galicia e que supón case o 12% do seu territorio foron outro dos valores presentados na cita desenvolvida en Pekín. Ademais do Parque Nacional das Illas Atlánticas, a directora de Turismo destacou os 1659 quilómetros de costa, con 863 praias, que fan de Galicia un destino náutico de primeiro nivel; o termalismo e a gastronomía, cos seus produtos de recoñecida calidade, os seus restaurantes Estrela Michelin ou as súas denominacións de orixe vinícolas.

Sobre a oferta hoteleira, referiuse a establecementos tan singulares como o Hostal dos Reis Católicos ou o Gran Hotel da Toxa, ademais das máis de 600 casas de turismo rural. E destacou produtos turísticos como a Ruta da Lamprea e a da Camelia, a Ruta dos Viños, o Outono Gastronómico, os Trens Turísticos ou os cruceiros.

Feijóo iniciou hoxe a súa segunda xornada en China, cunha reunión institucional co viceministro de Relacións Internacionais, Guo Yezhou, unha das máximas autoridades do país a quen trasladou o interese de Galicia por estreitar as relacións con este país, co obxectivo de xerar oportunidades de investimento, de comercio e de intercambio cultural e turístico.

Previo ao encontro, o presidente da Xunta confirmou a intención do empresariado chinés de visitar Galicia para coñecer de primeira man o sector da automoción galego e a competitividade da industria. Intención que se materializará nunha viaxe en outono dunha delegación formada por empresarios da Cámara de Comercio para a Importación e Exportación de Maquinaria e Produtos Electrónicos.

Ademais de reunirse co clúster do automóbil, a delegación chinesa terá oportunidade de visitar as instalacións do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, CTAG.

A xornada de hoxe completarase cunha visita ao grupo Citic, propietarios da empresa de caldeirería Censa do Porriño e un xigante da maquinaria pesada que emprega procesos industriais innovadores, no marco da Industria 4.0, con potencial para ser aplicados en Galicia.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2017-06-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros-biblioteca.jpg) Ferrol é a primeira das 13 citas co libro e a lectura que terán os galegos e galegas en diferentes vilas e cidades das catro provincias. Tras esta cidade, recollerá o relevo Santiago de Compostela, do 2 ao 10 de maio; Lugo, do 13 ao 17 de maio; O Porriño, do 14 ao 17 de maio; Redondela, do 11 ao 14 de xuño, e Ourense, do 17 ao 20 de xuño. Xa no mes de xullo, Vigo abrirá o día 1, prolongándose ata o día 7, continuando en Ponteareas, desde o día 9 ata o 12, e en Rianxo do 23 ao 26. Finalmente, en agosto, as Feiras do Libro viaxarán ata A Coruña, do 1 día ata o 10; Viveiro, do día 13 ao 19; Foz do 20 ao 23, e rematarán en Monforte de Lemos, onde se celebrará do día 26 ao 29 de agosto.
Foto de la tercera plana (libros.jpg) O número de persoas en Galicia que le ocasional ou habitualmente na nosa lingua medra en case nove puntos ata acadar o 72 %, isto é, sete de cada dez galegos. Ademais deste incremento do 13 por cento na lectura ocasional ou habitualmente en galego con respecto ao ano anterior, o estudo de 2025 tamén revela a consolidación dunha Galicia lectora, reflectida no sindicadores que sinalan que o 96,5 % da poboación maior de 14 anos le en calquera medio e soporte, o que sitúa a nosa Comunidade nun 1,4% por enriba da media de España. Ademais, o 70 % destas lecturas son de libros.

Notas

Un espazo de encontro entre academia, arte e sociedade. Arrancou no edificio Redeiras da UVigo o congreso internacional 'Escrituras potenciais: o ordinario e o infraordinario', unha cita coorganizada entre as universidades de Vigo e Sorbonne Nouvelle polos especialistas Hermes Salceda e Alain Schaffner, figuras claves no estudo da narrativa contemporánea francesa e, máis concretamente, da obra de Raymond Roussel, toda unha referencia nas chamadas literaturas potenciais.
O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña acolleu a inauguración da exposición 'A Miraxe Dixital'. A mostra é o resultado do traballo e da convivencia da artista británica Louise Ward Morris en colaboración co persoal investigador do centro, tras seis meses de traballo pola residencia artística concedida a través do Ministerio de Cultura.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES