Notas de prensa

O programa de préstamos Igape-BEI permitirá mobilizar 20 millóns en investimentos nas empresas galegas

Feijóo, na Asemblea anual da Asociación Galega de Empresa Familiar, asegurou que a Xunta seguirá facilitando o acceso ao financiamento das pemes e recorda que esta iniciativa se enmarca dentro do Galicia 1000, que xa permitiu a 5100 pemes acceder a máis de 785 millóns.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou a aprobación o vindeiro mércores, no Consello da Xunta, do programa de préstamos entre o Igape e o Banco Europeo de Investimentos (BEI), que permitirá mobilizar 20 millóns de euros máis para apoiar tanto investimentos de ampliación, renovación tecnolóxica ou modernización, como circulante para as compañías que precisen reforzar as súas estruturas financeiras ou avanzar nos seus plans de internacionalización.

Durante o acto de clausura da XVII Asemblea anual da Asociación Galega de Empresa Familiar, Feijóo aseverou que o Executivo galego seguirá facilitando o acceso ao financiamento das pequenas e medianas empresas. Ao respecto, recordou que os préstamos Igape-BEI se inclúen dentro do Galicia 1000, un programa que desde o seu inicio en 2014 facilitou o acceso ao financiamento a 5100 pemes, mobilizando máis de 785 millóns de euros. Para este ano, a través do Galicia 1000, está previsto financiar a 3000 pemes, cunha achega de preto de 100 millóns de euros que mobilizarán máis de 425 millóns en investimentos.

Consciente de que avalar as empresas é outro xeito indispensable para favorecer o seu crecemento e expansión a novos mercados, o titular da Administración autonómica galega subliñou que desde 2009 a Xunta concedeu máis avais que durante toda a historia da comunidade. Exactamente, 3400 operacións de avais e reavais -cunha media de 55.000 euros por aval-, explicou, fronte aos só 100 avais que se concederon entre 2005 e 2008.

Feijóo lembrou que na actualidade máis do 92% das empresas na Comunidade son familiares, achegan máis do 86% do emprego en Galicia e o 69% das 100 maiores empresas con sede galega son de propiedade familiar.

Ao longo da súa intervención, o titular do Executivo autonómico referiuse a un dos principais desafíos das empresas familiares: planificar a sucesión e darlle continuidade aos proxectos.

Sobre este punto, salientou que Galicia contribuíu a aliviar ese desafío, desde o punto de vista da Administración e as cargas impositivas. Así, desde 2016, o 99% dos galegos non pagan o Imposto sobre sucesións e doazóns; a maioría tiveron unha rebaixa no tramo autonómico do IRPF; e non tributan pola transmisión, herdanza ou doazón de empresas. Ademais de contar con bonificacións fiscais á hora de herdar un negocio, para que as dúas persoas que se dan a remuda poidan compaxinar os seus cargos na dirección durante un ano. “E, xunto con isto, tamén o rural galego é hoxe un área de impostos cero”, abundou.

O presidente da Xunta referiuse tamén aos indicadores económicos que, tanto para Galicia como para o conxunto de España, non só prevén un crecemento positivo da economía para este ano, senón que están a revisar á alza os seus prognósticos.

Ao respecto, sumou un dato máis sobre o sector servizos e a industria. Un dato deste primeiro trimestre do ano que apunta a que: segue tirando moi forte a actividade do sector servizos, cunha suba do 12,9% en marzo e do 10,7% no primeiro trimestre do ano-; mantense unha tendencia moi positiva na entrada de pedidos no sector industrial, cunha suba do 21,9% en marzo e do 18,9% no primeiro trimestre; e continúa a tendencia positiva na facturación da industria, cun incremento do 12,9% no mes de marzo e un incremento do 8,5% desde xaneiro a ese mes.

Máis innovación, internacionalización e investimento

Diante destas cifras, e co obxectivo de consolidalas neste 2017, Feijóo incidiu na necesidade de continuar innovando, exportando e atraendo máis investimentos. “Ese é o camiño que a Xunta quere facilitar”, aseverou, destacando a batería de medidas levadas a cabo para que ser empresa e facer empresa en Galicia sexa máis doado.

Sobre este punto, resaltou a posibilidade de participar nos dous programas de innovación da Xunta abertos ás empresas, na Rede de Aceleradoras ou nas Unidades Mixtas de Investigación. “E este mércores, tamén, ampliaremos a liña de préstamos para financiar investimentos en materia de renovación tecnolóxica nas empresas industriais galegas; e para facilitarlles circulante para os seus proxectos de internacionalización”, engadiu.

Así mesmo, destacou a nova lei que se está a elaborar para favorecer a implantación de novas empresas en solo industrial galego. Unha lei, cuxo espírito é eliminar os máximos obstáculos posibles á actividade empresarial: a nivel de carga fiscal, a nivel de tramitación administrativa, á hora de acceder a solo industrial a baixo custo, ou en caso de precisar asesoramento a través da oficina Doing Business.

E coa que se busca, ademais, a colaboración dos concellos para que acheguen beneficios adicionais como: a supresión ou a bonificación de impostos municipais -o IBI, o IAE ou o ICIO-; de licenzas de obra e apertura; a verificación a posteriori da comunicación previa; ou descontos a maiores no solo industrial.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2017-05-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (costa-feira-2026.jpg) Sanxenxo volverá converterse este verán nun dos grandes referentes da música en directo en Galicia coa celebración da cuarta edición de Costa Feira, un evento que ofrecerá máis dunha decena de concertos e propostas musicais entre os meses de xullo e agosto no recinto do Polígono de Nantes. O ciclo arrancará o 24 de xullo con Wake Up! in Costa Feira e continuará o 28 de xullo e os días 4, 11 e 18 de agosto coa proposta Electrolatino, que reunirá artistas destacados neste xénero como Henry Méndez, Danny Romero, Jose de Rico, Anthony & Yeigo, Jay Santos, Marc Magán ou Mar Lucas.
Foto de la tercera plana (abril-cultura-camino.jpeg) Ponse en marcha a programación da 14ª edición de Cultura no Camiño, que este verán ofrecerá 316 espectáculos escénicos e concertos a cargo de 147 formacións artísticas en 87 concellos galegos situados nas diferentes rutas xacobeas. Trátase dunha proposta enmarcada na campaña Para gustos, cultura, que este ano chegará a 200 localidades con máis de 3.600 propostas. O calendario de Cultura no Camiño para este ano, que se abriu esta semana con paradas en Ribadumia, onde Marta Ortiz presentou Canta, Bugina, canta! na Escola Infantil, e en Miño coa proposta A maxia dos libros, do Mago da Boina e Nami, no Centro de Día, continuará hoxe de novo en Ribadumia con Donas do lugar, un espectáculo de narración oral a cargo de María da Pontragha.

Notas

O vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Roberto Bande, e a directora do Campus Terra, Marta Miranda, inauguraron este xoves 18, no edifico Cactus do Campus de Lugo, unha nova edición do Foro empresarial Galicia–Asia que xirou na súa primeira xornada arredor do ecosistema da saúde. Alimentación e lonxevidade, así como as posibilidades da robótica asistencial, foron outros dos aspectos abordados na reunión.
O transporte marítimo enfróntase a un dos grandes desafíos da súa transición enerxética: decidir que combustibles alternativos empregar nun contexto no que aínda existe pouca experiencia operativa e escasean os datos sobre o seu comportamento real. Metano, metanol, amoníaco ou hidróxeno aparecen como alternativas para reducir as emisións do sector, pero a súa implantación introduce novas incógnitas relacionadas coa seguridade, o almacenamento e a operación dos buques.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES