
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, realizaron o izado da bandeira da Unión Europea no día no que se cumpren 67 anos da súa orixe. O acto celebrouse diante da fachada principal das instalacións centrais da Xunta de Galicia, en San Caetano.
O Día de Europa celébrase xa desde hai máis de dúas décadas para homenaxear a Jean Monnet e a Robert Schuman, os cales o 9 de maio de 1950 lanzaron a idea de integrar a todas as nacións europeas para poder desterrar para sempre a guerra deste continente. Este acto considérase orixe e semente da creación da actual Unión Europea.
Pese ao seu carácter periférico dende o punto de vista xeográfico, Galicia converteuse nas últimas décadas nunha rexión plenamente identificada coa construción europea, cunha relación cada vez máis sólida con Bruxelas tanto dende o punto de vista político, como económico e social.
Neste sentido, a implicación da Comunidade galega con Europa queda patente día a día en eidos como a política pesqueira e agrícola, a cooperación transfronteiriza co norte de Portugal ou a xestión dos fondos estruturais. Ademais, a solidariedade comunitaria, como parte esencial da UE dende o seu inicio, ten contribuído de xeito decisivo ao fortalecemento de Galicia dende a súa adhesión.
O acto realizado hoxe nas instalacións da Administración autonómica está previsto na normativa europea de fondos estruturais da política de cohesión.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.