Notas de prensa

O alcalde mostra o seu malestar co trato que os Orzamentos Xerais do Estado lle dan a Santiago

O alcalde fixo hoxe unha primeira valoración dos Orzamentos Xerais do Estado para 2017, e das partidas que destinan a Santiago. Martiño Noriega recoñeceu a súa "indignación e malestar" cunhas contas que "teñen moitas máis sombras que luces" e que supoñen "o incumprimento de importantes compromisos adquiridos".

O rexedor lembrou que o trato que recibe Compostela nos Orzamentos Xerais do Estado non é distinto do que recibe o conxunto de Galicia "cunha caída do investimento a niveis de hai 14 anos, e despois de termos pasado unha crise económica".

O alcalde compostelán considera "inexplicable" que as contas non inclúan a partida comprometida para a humanización da rotonda de Conxo. Martiño Noriega lembrou que "este foi un compromiso adquirido pola exministra de Fomento, Ana Pastor, nunha visita ao propio barrio na que mostrou planos dun anteproxecto".

Tamén considerou "dificilmente comprensible" que non figure "nin partida para a depuradora nin proxección orzamentaria para esta infraestrutura, que tamén está comprometida". Martiño Noriega explicou que o Goberno local xa lle ten solicitado explicacións a Acuaes, "pero o argumento que se nos deu parécenos cativo". O alcalde adiantou que pedirá novas explicacións na xuntanza que manterá coa ministra de Agricultura en Madrid o próximo 17 de abril, e á que tamén asistirá o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro.

O alcalde tamén lamentou que os Orzamentos Xerais do Estado rebaixen a partida para o Consorcio nun 2,5%, xusto "cando se está a facer un enorme esforzo para reactivar este organismo a través dunha reunión do Real Padroado".

Como únicos aspectos positivos das contas estatais o alcalde citou que "se inclúen as partidas previstas para a estación intermodal e para o enlace orbital".

Disposicións adicionais

Ademais de polas partidas previstas para Santiago, Martiño Noriega expresou a súa preocupación polas Disposicións Adicionais dos Orzamentos Xerais do Estado, "que pretenden impedir a recuperación de servizos para a cidadanía". O alcalde lamenta que o Goberno central "trate de impedir que as administracións asuman a xestión directa dalgúns servizos, ao mesmo tempo que non da ningún paso atrás na taxa de reposición e nos EREs encubertos nas administracións".

Gabinete de Comunicación do Concello de Santiago de Compostela, 2017-04-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES