Notas de prensa

Feijóo incide en que o financiamento do sistema de benestar recolla o custo real

O titular da Xunta asistiu ao acto de adhesión de Cantabria á Macrorrexión de Rexións do Suroeste de Europa e incidiu en que o financiamento do sistema de benestar recolla o custo real dos servizos para que todas as persoas poidan acceder a eles en igualdade. Refírese ao envellecemento da poboación como a maior ameaza á que deben facer fronte os territorios.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, incidiu na necesidade de que o financiamento do sistema de benestar recolla o custo real dos servizos públicos, para que todas as persoas poidan acceder a eles en condicións de igualdade, independentemente da súa idade e do lugar no que residan.

Deste xeito, e durante o acto de adhesión de Cantabria á Macrorrexión de Rexións do Suroeste de Europa, Feijóo referiuse ao envellecemento da poboación como a maior ameaza á que deben facer fronte os territorios para manter o seu modelo de benestar. Un problema cuxa solución, aseverou, nin é inmediata nin será total, “xa que o envellecemento da poboación veu para quedarse e debe ser tido en conta como un trazo singular das sociedades que, como as nosas, o padecen”.

Logo de agradecer a crecente sensibilidade que arredor deste asunto mostrou a última Conferencia de Presidentes, o titular da Xunta animou á Macrorrexión de Rexións do Suroeste de Europa (Resoe) a seguir apostando por atraer e reter talento, “talento mozo que, ademais de favorecer o crecemento da nosa economía, resulta fundamental para afrontar o grande reto para os próximos anos: o declive demográfico”.

Logo de lembrar que, sete anos despois do seu nacemento, esta macrorrexión ocupa xa un terzo da península ibérica e representa preto do 23% da súa poboación e da súa actividade económica, Feijóo salientou que coa incorporación de Cantabria á Resoe consolídase como un instrumento útil e aberto a novas achegas. Útil, porque permitiu sumar forzas en ámbitos tan diversos como o transporte, a competitividade industrial, a educación, o turismo ou o medio ambiente. E aberto, porque resulta compatible con outras formas de cooperación transfronteiriza, como son o Espazo Atlántico ou a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Nesta liña, avogou por seguir traballando con máis ambición nos proxectos a materializar, contando para iso cos cinco grupos de traballo en cinco áreas prioritarias: competitividade industrial, innovación, turismo e emprego, transporte e demografía. “A Resoe só será eficaz na medida en que sexa capaz de incorporar estes proxectos á sociedade civil a través de procesos que nazan nas universidades, nas asociacións, nas empresas... e a macrorrexión saiba trasladar ás institucións europeas para xerar o retorno desexado”, abundou.

Sobre este punto, salientou algún dos logros dos últimos anos, como a promoción conxunta dos camiños de Santiago ou a elaboración da primeira RIS3 transfronteiriza de Europa, deseñada polas tres universidades galegas e outras tantas do Norte de Portugal. E referiuse tamén a retos inmediatos, como o apoio á Conferencia de reitores para seguir estendendo programas de éxito como o Iacobus, que favorece a mobilidade de persoas e ideas e encara a súa cuarta edición.

O titular da Xunta concluíu facendo fincapé en que espazos de cooperación como este poñen de manifesto que as disputas entre territorios non teñen cabida nun espazo multinivel como a UE; que se pode defender o corredor atlántico como un eixo loxístico fundamental para unha área de doce millóns de persoas, sen que iso sexa contraditorio coa defensa do corredor mediterráneo; e que se pode defender o dereito dos cidadáns do noroeste de España a ter alta velocidade sen negarllo a calquera outros.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2017-03-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES