Notas de prensa

A Xunta aborda o papel das rexións europeas na acollida de refuxiados

A xestión ordenada das migracións xa foi recollida como obxectivo polo ditame de Galicia aprobado o pasado día 9 de febreiro no Comité das Rexións. Según o director xeral de Relacións Exteriores, o Brexit supoñerá un desafío aínda maior para a situación migratoria do continente. Galicia participa no Buró do Comité Europeo das Rexións que se reúne en Malta.

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo participou na mesa do Comité das Rexións (CdR), que se reuniu de forma extraordinaria en Malta para debater sobre a política migratoria da Unión Europea. As rexións recoñeceron a súa enorme importancia como xestores da acollida de migrantes e dos procedementos de asilo e reubicación.

Os representantes rexionais afondaron na necesidade de tratar as causas profundas da migración, principalmente económicas, para lograr movementos migratorios ordenados. Sobre este aspecto o Comité das Rexións aprobou xa o 9 de febreiro un ditame de Galicia acerca dun novo Consenso Europeo sobre Desenvolvemento. A proposta galega consiste nun innovador enfoque de cooperación descentralizada, que inclúe que a migración ordenada sexa uns dous propósitos da acción ao desenvolvemento, así como que a UE potencie a coordinación e a coherencia entre a política de desenvolvemento e outras políticas comunitarias, como a axuda humanitaria ou a agricultura.

A crise migratoria que desde comezos de 2015 afecta á zona do Mediterráneo puxo de manifesto a falta de adecuación da política migratoria europea para dar resposta aos retos relacionados coa presión exercida polos migrantes, a necesidade de integralos nas nosas sociedades e as demandas económicas dunha Europa en declive demográfico. Neste contexto, a Unión Europea lanzou, o 13 de maio de 2015, a súa Axenda Europea de Migración na que reúne un conxunto de medidas a curto prazo e de reformas estruturais máis a longo prazo para desenvolver unha política común clara e coherente que permita aproveitar as vantaxes e afrontar os retos que supón a migración. Con todo, e a pesar de que medidas como o acordo con Turquía, do 18 de marzo de 2016, conseguiron frear a chegada de inmigrantes ilegais ás costas gregas, a Comisión Europea segue considerando imprescindible unha nova política europea en materia de migración legal. Esta é a razón pola que o CdR decidiu celebrar unha reunión monotemática en Malta, no marco da Presidencia semestral maltesa do Consello da UE.

Proposta de Galicia sobre unha nova cooperación ao desenvolvemento

O Comité das Rexións aprobou e fixo seu o documento de Galicia sobre unha nova cooperación ao desenvolvemento, exposto este mes no pleno do CdR por Jesús Gamallo, director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia. O Comité destaca así a necesidade de adoptar un enfoque global na xestión da migración. Unha das medidas solicitadas polo CdR é a creación de «asociacións de migración e integración» con entes locais e rexionais de terceiros países que permitan fomentar unha mellor integración dos migrantes mediante a posta en marcha de medidas antes da súa partida, entre as que se inclúe a formación profesional, lingüística e cívica, así como medidas de apoio ao retorno voluntario.

Brexit

Durante a reunión de Malta tamén se abordou o posible impacto que a saída do Reino Unido da UE podería ter no orzamento europeo en política de cooperación exterior e de axuda humanitaria, así como nas partidas dedicadas a migración. En asilo, estando o Reino Unido ligado á UE ata 2019 ao regulamento de Dublín, a Comisión indica que Londres debería participar na súa renovación, aínda que a título de país asociado, como Suíza, Noruega e Islandia. Igualmente deberá chegarse a un acordo respecto da participación británica en EASO (Oficina Europea de Apoio ao Asilo). Na reunión de Malta púxose de manifesto a incerteza que segue rodeando ao Brexit non só en cuestións migratorias, senón tamén en políticas de interese para Galicia como a pesca e a agricultura.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2017-02-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES