Notas de prensa

Comeza a construción da nova planta de Sogama que estará operativa no verán

Investiranse 2,4 millóns de euros nesta planta, que terá unha capacidade de tratamento dunhas 15.000 toneladas anuais. A estimación é que produza ao ano entre 3.000 e 4.000 toneladas dun compost de calidade, que poderá aplicarse o solo sen restricións. No proceso de ampliación de Sogama está previsto investir máis de 32 millóns de euros.

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio en funcións, Beatriz Mato, desprazouse ao vertedoiro de residuos non perigosos de Sogama en Cerceda (A Coruña) para proceder á colocación da primeira pedra da futura planta de compostaxe industrial que a compañía pública levantará neste emprazamento, e que previsiblemente estará operativa o próximo verán.

Esta instalación, que xa viña contemplada no Plan galego de xestión de residuos urbanos 2010-2020 e na que se investirán uns 2,4 millóns de euros, procesará a materia orgánica procedente de grandes xeradores tales como mercados, centros comerciais, restaurantes e hospitais, entre outros.

O obxectivo último é que a instalación produza un compost de calidade que cumpra con todos os requisitos establecidos pola normativa vixente e que poderá ser aplicado ao solo sen restricións, “servindo como un excelente abono para a terra”, subliñou Mato.

Seguindo a premisa da economía circular de “converter os residuos en recursos” e coa pretensión de propiciar a máxima recuperación dos materiais contidos no lixo, previamente clasificaranse os materiais susceptibles de ser reciclados –como metais ou plásticos-, que serán remitidos á industria da reciclaxe para posibilitar a súa transformación en novos produtos. Deste xeito, preténdese poñer en valor o conxunto dos residuos, ben mediante a súa reciclaxe ou ben mediante a súa compostaxe.

Operativa da nova instalación

Cunha capacidade para 15.000 toneladas anuais, estímase que a planta producirá ao redor de 3.000 ou 4.000 toneladas de compost cada ano. Para que este cumpra con todos os requisitos de calidade, é necesario que os residuos orgánicos que entren na mesma teñan sido correctamente seleccionados en orixe, minimizando así o risco de contaminación.

Separados os elementos susceptibles de ser reciclados, nunha primeira fase a materia orgánica introdúcese en pilas cerradas con inxeccións de aire durante un período de entre 6 e 8 semanas a fin de que esta fermente e comece a transformarse en “compost primario”. Posteriormente, trasládase a outras pilas diferentes con volteo e axitación de aire, introducíndose así na fase de maduración, que dura entre 6 e 10 semanas. O circuíto conclúe na fase final, na que se retiran as partículas pesadas e outros elementos impropios, acondicionando tres tipos de material: o refugallo, que non é compost, e que se valorizará material e/ou enerxeticamente; un compost de nivel 1, que é o groso; e un compost de nivel óptimo, que é o fino. Ambos compost pódense aplicar nos solos para aportarlles nutrientes e mellorar a súa estrutura.

Ampliación de Sogama

Esta instalación forma parte do proceso de ampliación da infraestrutura industrial de Sogama, un proceso de mellora no que se están a investir máis de 32 millóns de euros. A principal actuación será a construción dunha nova planta de recuperación de envases procedentes do lixo en masa. Grazas a ela, a capacidade do complexo verase notablemente incrementada, pasando das 550.000 toneladas ao ano aproximadamente a 1 millón. Isto supón que se poderán tratar nas instalacións practicamente todos os residuos urbanos producidos en Galicia, o que converterá ao complexo no máis grande de Europa e un dos maiores do mundo.

Ademais, con esta mellora aumentarase a contribución de Sogama á reciclaxe nun 30% e diminuirase a vertedura na mesma porcentaxe, depositando no vertedoiro de Areosa única e exclusivamente aquela fracción que non pode ser reutilizada, reciclada ou recuperada material e/ou enerxeticamente.

Deste xeito, continúase contribuíndo a que Sogama sexa cada día un modelo “máis eficiente, solvente e sustentable, en constante proceso de mellora”. Ao respecto, hai que recordar que nos últimos anos o complexo acadou máximos históricos de eficiencia, ao procesar 600.000 toneladas de residuos, un 28% máis que en 2009. Ademais, tamén se conseguiu reducir nun 55% as toneladas de lixo que se envían ao vertedoiro e en 2015 superouse por primeira vez a cifra récord de 516.000 megavatios/hora, o que significa que a enerxía xerada na planta de Cerceda equivale ao 12% da consumida polos fogares galegos.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-10-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES