Notas de prensa

Ciencias da Educación da USC explora os usos didácticos e normalizadores da muiñeira

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación da USC, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística, organiza un obradoiro de seis horas para explorar as posibilidades didácticas e como ferramenta de normalización do baile tradicional e, máis concretamente, da muiñeira.

Vai dirixido preferentemente ao alumnado das titulacións que imparte, aínda que está aberto ao resto da comunidade universitaria.

O obradoiro vaise celebrar na sede da Facultade no Campus Norte os días 25 de outubro, e 8, 15, 22, 29 de novembro e 13 de decembro, de 14:00 a 15:00 horas no ximnasio do centro. O curso é de balde, aínda que cómpre formalizar a inscrición antes do 23 de outubro en www.usc.gal/snl/dinamizacion/obradoiro_baile.html, pois hai un máximo de 30 prazas.

Con este obradoiro, ademais de adquirir destrezas básicas de baile galego -en concreto a muiñeira- tamén se reflexionará sobre o seu uso como recurso didáctico na escola en relación con áreas como expresión corporal, a educación emocional, a lingua, etc.

O curso combinará breves exposicións teóricas e práctica de baile centrados na muiñeira (danzas de fitas, de paus, muiñeira corrida, muiñeira vella) e na xota (xota e maneo), nos ritmos de muiñeira noutras danzas do mundo e nos exercicios preparatorios para bailala.

A encargada de impartir o obradoiro é Marta Otero García, quen ten reflexionado ben sobre esta cuestión, pois ademais de ser mestra especialista en educación musical é membro da asociación de música e baile tradicional galego ‘Brincadeira’ e mestra de baile tradicional en actividades extraescolares para alumnado de infantil e primaria.

Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2016-10-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES