Notas de prensa

O festival Espazos Sonoros viaxa á Inglaterra de Shakespeare coa música do Ensemble Rosarum Flores

O grupo austríaco de música antiga e o tenor Wilfried Rogl actúan no pazo de Mariñán, en Bergondo. Ofrecen pezas para laúde de autores coetáneos de William Shakespeare que musicaron textos do escritor, do que se cumpre o cuarto centenario da morte.

O tenor Wilfried Rogl e o grupo de música antiga Rosarum Flores son os protagonistas da programación desta semana do festival Espazos Sonoros, que chega o sábado 15 de outubro ao concello coruñés de Bergondo. Nun concerto gratuíto e con acceso libre ata completar a capacidade, que dará comezo ás 19:00 horas, o conxunto austríaco recreará o contexto musical no que viviu e traballou William Shakespeare, cuxa obra, sobre todo a teatral, estivo estreitamente vinculada á música.

Para iso, o programa presenta unha escolla de música para laúde, composta arredor de 1600, de autores coetáneos do escritor –do que se cumpren catrocentos anos do seu pasamento–, como John Dowland, Thomas Morley, Robert Johnson ou Jakob van Eyck, que musicaron coas súas composicións textos de Shakespeare. Ademais de lle achegar ao público a beleza das músicas inglesas do tránsito ao Barroco, o concerto tamén incidirá na obra do escritor, cunha escolma dos seus sonetos recitados polo xornalista Anxo Quintela.

Previamente ao concerto, as persoas inscritas participarán nunha visita guiada polas instalacións do pazo de Mariñán, que foi na súa orixe unha edificación defensiva mandada construír, no século XV, polo nobre Gómez Pérez das Mariñas. Á morte de Gerardo Bermúdez de Castro y Suárez de Deza, en 1933, o pazo pasou a mans da Deputación Provincial da Coruña por desexo do finado, para que fose destinado a fins sociais. Actualmente, o pazo ten varios usos, para actos institucionais, docentes e como museo, no que está depositada boa parte da colección artística da deputación.

Promovido pola Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura, o festival de música e patrimonio Espazos Sonoros poralle o peche á súa novena edición o próximo martes 18 de outubro na sede da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, na Coruña. Alí dará comezo, ás 20:00 horas, o concerto de clausura, coa pianista Paula Ríos, encargada de recuperar a obra para piano de Rosa García Ascot –única muller integrante do Grupo dos Oito, o equivalente musical da Xeración do 27– e do seu home, o compositor, investigador e activista cultural galego Xesús Bal y Gay.

Ao longo das súas nove edicións, o festival Espazos Sonoros vén propoñendo un achegamento ao patrimonio cultural a través de concertos e de actividades en espazos de especial interese das catro provincias galegas. Neste 2016, desde o pasado 3 de setembro Espazos Sonoros percorreu diferentes edificacións históricas dos concellos de Vimianzo, de Ribadavia, da Guarda, de Pedrafita do Cebreiro, de Lalín, de Monterrei, de Palas de Rei e de Baiona a través dunha programación dirixida por Belén Bermejo e conformada este ano por nove concertos e mais actividades, como camiñadas, visitas guiadas e obradoiros de música antiga para afondar no coñecemento dos instrumentos.

A igrexa de San Salvador de Vilar de Donas, en Palas de Rei; o castelo de Santa Cruz, na Guarda; o pazo de Liñares, en Lalín; Santa María a Real do Cebreiro e o castelo de Monterrei son algúns dos espazos patrimoniais, civís e relixiosos que se converteron este ano en escenario de Espazos Sonoros para escoitar agrupacións galegas e internacionais de estilos e procedencias diversas, como o Ensemble Gilles Binchois, La Xácara, La Compagna, Solo Voces e o organista Adrián Regueiro.

A programación de Espazos Sonoros 2016 pode consultarse en www.espazossonoros.org e en www.cultura.gal/axenda. Todos os concertos do festival son de balde e a entrada é libre ata completar a capacidade. No caso das actividades, as que contan con prazas limitadas requiren inscrición previa nas datas establecidas.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-10-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES