
A actividade 'O rueiro das liortas', nova proposta do programa de dinamización lingüística 'FalaRedes', presentouse no concello coruñés de Brión, da man da Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Dirixida a todos os públicos desde os oito anos de idade, O rueiro das liortas é unha proposta escénica inspirada na comedia da arte italiana e no teatro popular que afonda nas relacións de parella e nas dificultades para manter vivo o amor. O dinamismo dos elementos escenográficos que representan diferentes espazos, un actor e unha actriz que interpretan múltiples personaxes e un neno e unha nena que fan valer a súa verdade son os ingredientes para que esta comedia iniciática, vista desde unha óptica feminina, nos ofreza a súa particular visión dunha realidade na que as persoas teñen por afección meter o nariz onde non as chaman.
Na liña dos espectáculos creados por Elefante Elegante, teatro visual baseado no texto e no movemento, a peza busca a universalidade e fusiona a palabra con outras linguaxes coma o teatro físico, a danza ou as artes plásticas e visuais. O obxectivo desta cuarta proposta do FalaRedes 2016 é que a cativada e a mocidade se acheguen ao teatro en lingua galega por medio dunha obra de coidada estética na que as emocións, os afectos, o humor e a palabra van dan man.
Catro días despois da representación en Brión, o vindeiro mércores, día 12 de outubro, o espectáculo O rueiro das liortas tamén recalará no concello coruñés de Miño. A cita terá lugar no Centro Social da Rúa, ás 19:00 horas. Despois das funcións en Brión e Miño axenda deste mes de outubro levará á compañía Elefante Elegante ata San Cristovo de Cea. No vindeiro mes de novembro a xira continuará por Negreira, Mesía, Carballedo, Barbadás e Castrelo de Miño.
Coma sempre no FalaRedes, a entrada é libre e de balde ata completar a capacidade das salas. Toda a información sobre a nova edición e o calendario completo de funcións xa están dispoñibles no Portal da Lingua Galega, nas redes sociais do programa e na Axenda de Cultura de Galicia.
FalaRedes 2016'
O programa de dinamización lingüística FalaRedes chega á súa quinta edición con novas propostas para gozar do tempo libre en galego que se desenvolven ao longo de todo o ano nos concellos da RDL. Os obxectivos de FalaRedes son ampliar a oferta de ocio na nosa lingua, promover o seu uso e valoración positiva, fornecer o ámbito municipal de actividades de lecer en galego e apoiar os artistas que desenvolven o seu traballo no idioma propio de Galicia.
Ao longo deste ano, FalaRedes puxo en marcha en case un cento de concellos da RDL as propostas Todo me fala de ti, A viaxe de Rosalía, Xente miúda, moita fartura e Os Bolechas van ás Olimpíadas. Nas catro edicións anteriores, o programa chegou a todos os concellos que integran a RDL (que conta arestora con máis de 170 entidades adheridas), con preto de 700 actividades para público de diferentes idades.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.