Notas de prensa

Espazos Sonoros ofrece un concerto do grupo Gilles Binchois con obras cume da historia da música

A formación, referente da música antiga, actúa o sábado 8 de outubro, ás 20:30 horas, na igrexa de Santa María de Baiona, onde interpreta a Misa de Notre-Dame. A programación do festival continúa o 15 de outubro cun concerto do tenor Wilfried Rogl co conxunto austríaco Rosarum Flores no pazo de Mariñán, cunha visita guiada previa polo pazo.

Espazos Sonoros regresa cun concerto a cargo do Ensemble Gilles Binchois, un dos grupos de referencia no ámbito da música antiga. Creada e dirixida por Dominique Vellard, a formación actuará o sábado 8 de outubro, ás 20:30 horas, no marco do festival de música e patrimonio promovido pola Secretaría Xeral de Cultura, nun concerto gratuíto que terá lugar na igrexa de Santa María de Baiona e no que soarán por primeira vez ao vivo en Galicia obras cume da historia da música. Unha desas obras é a ‘Misa de Nosa Señora’, composta cara a mediados do século XIV polo poeta, músico e clérigo francés Guillaume de Machaut para a catedral de Notre-Dame de Remis.

Autor dalgunhas das gravacións consideradas como obras cume na interpretación dos repertorios medievais e do Renacemento, o Gilles Binchois terá como escenario un espazo de singular valor patrimonial como é a igrexa de Santa María de Baiona, nun concerto que conta coa colaboración do Concello de Baiona.

Próximo concerto

A novena edición do festival Espazos Sonoros, que se desenvolverá ata o próximo 18 de outubro, prosegue a próxima fin de semana cun concerto do tenor Wilfried Rogl co conxunto austríaco Rosarum Flores, no que recrearán o contexto musical no que viviu e traballou William Shakespeare. A actuación, que se enmarca no catrocentos aniversario da morte do escritor, terá lugar o 15 de outubro, ás 19:00 horas, no pazo de Mariñán. Previamente, realizarase unha visita guiada ás instalacións do pazo, para a que é precisa inscrición previa. As persoas interesadas poden inscribirse ata o 12 de outubro no enderezo [email protected]

Música en espazos patrimoniais

Desde o pasado 3 de setembro, Espazos Sonoros 2016 propón un achegamento a diferentes edificacións históricas dos concellos de Vimianzo, de Ribadavia, da Guarda, de Pedrafita do Cebreiro, de Lalín, de Monterrei, de Bergondo, de Palas de Rei, da Coruña e de Baiona a través dunha programación dirixida por Belén Bermejo e que inclúe nove concertos e actividades como camiñadas, visitas guiadas e obradoiros de música antiga para afondar no coñecemento dos instrumentos.

A igrexa de San Salvador de Vilar de Donas, en Palas de Rei; o castelo de Santa Cruz, na Guarda; o pazo de Liñares, en Lalín; Santa María a Real do Cebreiro e o castelo de Monterrei son algúns dos espazos patrimoniais, civís e relixiosos que se converten este ano en escenario de Espazos Sonoros para escoitar agrupacións galegas e internacionais de estilos e procedencias diversas, como o Ensemble Gilles Binchois, La Xácara, La Compagna, Solo Voces e o organista Adrián Regueiro ou a pianista Paula Ríos, encargada de recuperar a obra para piano de Rosa García Ascot e Xesús Bal y Gay.

Concertos de balde e actividades con inscrición previa

A programación completa da novena edición de Espazos Sonoros pode consultarse en www.espazossonoros.org e en www.cultura.gal/axenda. Todos os concertos do festival son de balde e a entrada é libre ata completar a capacidade. No caso das actividades, as que contan con prazas limitadas requiren inscrición previa nas datas establecidas.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-10-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES