Notas de prensa

EducaTeatro estrea en Redondela o musical infantil O mundo máxico de Pinocho

É un dos 29 espectáculos subvencionados este ano a través da convocatoria de axudas da Xunta á produción escénica. A súa presentación ao público terá lugar este domingo dentro da programación que ofrece o Multiúsos da Xunqueira como espazo asociado á Rede Galega de Teatros e Auditorios.

EducaTeatro Producións estrea en Redondela, o domingo 9 de outubro, o espectáculo O mundo máxico de Pinocho, un musical infantil realizado co apoio da Consellería de Cultura e Educación a través da subvencións á produción escénica da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). O Multiúsos da Xunqueira acollerá, ás 17.00 e ás 19.00 horas, as primeiras funcións desta montaxe, que forma parte da programación que o escenario redondelán ofrece esta temporada como espazo asociado á Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA).

O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación desta nova proposta para público familiar xunto co alcalde Redondela, Javier Bas; a concelleira de Cultura, María Teresa Paris; o produtor de EducaTeatro, Alexandre Vázquez, e o resto dos integrantes da compañía viguesa.

Sutil incidiu na produción e na distribución como dous dos principais ámbitos de apoio ao teatro galego que a Xunta mantén a través da Axencia Galega das Industrias Culturais. No caso de ‘O mundo máxico de Pinocho’, esta dobre vía de colaboración materialízase na subvención recibida para levar a cabo a produción e na súa inclusión na nova carteleira da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

Explicou, ao respecto, que este foi un dos 29 proxectos seleccionados na convocatoria pública de axudas á produción escénica galega, polo que EducaTeatro Producións recibiu apoio económico na modalidade de compañías de nova creación, dirixida a produtoras cuxa traxectoria non supera os cinco anos.

Incidiu tamén en que a de EducaTeatro en Redondela é unha das catro funcións que a compañía desenvolverá no marco da RGTA, circuíto promovido pola Agadic en colaboración con 38 entidades locais galegas e que, durante este segundo semestre do ano, ofrecerá 238 actuacións escénicas e musicais en 49 escenarios. Así, ‘O mundo máxico de Pinocho’, poderá verse tamén en Ortigueira (19 de novembro), Ponteareas (11 de decembro) e O Carballiño (30 de decembro), entre outros espazos da súa xira galega.

Esta curiosa adaptación ao teatro musical do conto clásico de Carlo Collodi conta a historia a través dos ollos de Pepiño Grilo, quen –xunto coa Fada Mimadriña, Raposo e Gato– acompañará a Pinocho no camiño de se converter nun neno de verdade.

Ademais do teatro musical, con voz e piano, a proposta bota man do ilusionismo, as sombras chinesas e os corpóreos para conseguir a implicación e participación dos espectadores durante todo o espectáculo. ‘O mundo máxico de Pinocho’ está pensado para un público familiar, con nenos e nenas a partir dos dous anos de idade.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-10-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES