
Nesta aposta mutidisciplinar, destaca o programa musical realizado en colaboración con dous proxectos como WOS e La Melona, que comparten con Curtocircuíto o obxectivo de achegar a Compostela propostas artísticas arriscadas e innovadoras.
Da colaboración con WOS, festival de referencia no ámbito estatal pola calidade da súa programación, chegarán os escoceses Cosmic Dead e os cataláns Celestial Bums como destacados cabezas de cartel. Cosmic Dead, banda de rock psicodélico posuidora dun directo demoledor, actuarán o 8 de outubro a partir das 21:30 horas. Acompañados polos portugueses Equations, protagonizarán na Sala Capitol unha das citas máis esperadas do festival.
Por outra banda, Celestial Bums presentarán na recentemente inaugurada Sala Riquela, as súas melodías de psicodelia moderna e líquida, acompañados polos galegos Camarada Nimoy, o xoves 6 de outubro a partir da medianoite. A Sala Riquela acollerá tamén o produto da colaboración entre a asociación cultural compostelá La Melona e Curtocircuíto, nunha noite de psicodelia, rock e ritmos electrónicos a cargo dos valencianos Siesta!, o Dj portugués Dragao Inkomodo e o asturiano Dj Isla del Tesoro.
O abono para os tres concertos pode adquirirse por 17 na billeteira do Teatro Principal ou en entradas.abanca.com. Pódese consultar máis información sobre prezos, programación e horarios na web de Curtocircuíto.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.