
A actividade escénica e musical do programa Cultura no Camiño 2016 chega á súa fin con seis últimas funcións nos concellos de Culleredo, Fene, Oroso, Rianxo, San Cibrao das Viñas e Teo. Péchase así a cuarta edición desta iniciativa que, organizada pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e Turismo de Galicia en colaboración cos municipios asociados, levou desde mediados de abril máis de 360 actuacións de teatro, música, danza, maxia e novo circo a 99 localidades das rutas xacobeas.
O programa contou, ademais, co patrocinio de Gadis para desenvolver esta extensa carteleira co obxectivo de contribuír á dinamización cultural dos concellos situados nas vías de peregrinación a Compostela: Camiño Francés, Camiño de Fisterra-Muxía, Camiño de Inverno, Camiño do Norte, Camiño do Sueste-Vía da Prata, Camiño Inglés, Camiño Portugués, Camiño Portugués pola Costa, Camiño Primitivo e Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla.
Outra das prioridades de Cultura no Camiño é ampliar as posibilidades de distribución das producións das compañías escénicas e grupos musicais galegos. Desta volta participaron neste circuíto 149 formacións de todos os estilos, cunha especial atención a aquelas propostas en espazos abertos e ao aire libre para chegar a un amplo número de cidadáns, pero tamén de visitantes e peregrinos.
Público infantil
Do mesmo xeito que vén sucedendo desde o inicio desta edición, no seu peche ten unha presenza destacada a oferta infantil nas súas diferentes disciplinas escénicas. Así, o programa previsto para mañá inclúe catro espectáculos de teatro, monicreques e maxia pensados para o público familiar: Barriga Verde contra o estragapandeiro, de Títeres Cascanueces (Edificio Polivalente de San Cibrao das Viñas, ás 18.00 h); Carapuchiña Vermella, de Educateatro Producións (Centro Sociocultural da Ramallosa, en Teo, ás 19.00 h), Sherlock Holmes, de Cayetano Lledó (Edificio de Servizos Múltiples do Burgo, en Culleredo, ás 19.30 h); e O meu avó é mago, de Mundo Mandarina (exterior da Piscina Municipal de Oroso, ás 19.30 h).
Esta última xornada de actividade complétase co concerto de Xardín Desordenado, ás 20.00 h na Casa da Cultura de Fene, e coa representación da montaxe Dura Lex, de Volta e Dálle Teatro, ás 20.30 h na praza Rafael Dieste de Rianxo.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.