Notas de prensa

Máis de 3.000 persoas inscribíronse no Spin 2016 que arranca o 29 de setembro na Cidade da Cultura

Trátase do maior evento de emprendemento universitario de Iberoamérica. Un cento de emprendedores de América Latina, España e Portugal recibirán en Spin2016 apoio, mentoría e financiamento. As 15 empresas seleccionadas para o foro SmartMoney4Stars benefícianse dun programa de aceleración intensiva.

Máis de 3.000 persoas inscribíronse xa para asistir ao Spin2016, o maior evento dedicado ao emprendemento universitario, que se celebrará na Cidade da Cultura do 29 de setembro ao 1 de outubro.

No acto de inauguración, que terá lugar o xoves día 29, participan a Secretaria Xeral iberoamericana, Rebeca Grynspan; o Secretario Xeral da Organización de Estados Iberoamericanos para a Educación, a Ciencia e a Cultura, Paulo Speller; o presidente de RedEmprendia e reitor da Universidade de Sao Paulo, Marco António Zago; e o vicepresidente e Conselleiro Executivo do Banco Santander, Rodrigo Echenique, entre outros.

O director xeral de RedEmprendia, Senén Barro, explicou as claves dun evento que se converteu en só tres edicións “no referente para todas aquelas persoas que queren emprender desde a Universidade, e que baterá todos as marcas na Cidade da Cultura con máis de 3.000 asistentes, 70 relatores e un cento de proxectos que están a recibir o apoio para nacer, medrar e consolidarse como iniciativas emprendedoras de éxito”. Foi nun almorzo informativo celebrado en Santiago de Compostela, coa presenza da directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño; e o reitor da USC, Juan Viaño.

Programas de titorización

As 15 empresas seleccionadas para o foro de investimento SmartMoney4Stars benefícianse estes días dun programa de aceleración intensiva con expertos e mentores que lles orientarán para lograr convencer aos 60 investidores internacionais ante os que se darán a coñecer en Spin2016.

Por outra parte, os 30 proxectos finalistas de Model2Market asisten a un programa de formación impartido polo prestixioso IC2 da Universidade de Texas at Austin que será clave para perfeccionar as súas propostas e gañar un lugar na Pitch Competition que se celebrará o día 1 de outubro na Cidade da Cultura.

Para os mellores emprendedores, Spin2016 repartirá un total de 100.000 euros en premios que inclúen tanto apoio económico para os seus proxectos como asesoramento personalizado e o acceso aos programas internacionais de apoio ao emprendemento de RedEmprendia.

O programa de Spin2016 inclúe ademais conferencias, un marketplace cos mellores proxectos empendedores, obradoiros e seminarios e actividades de partnering e networking. Destacadas personalidades do mundo da ciencia, a investigación, a empresa e a cultura, como o músico e compositor gañador de dous Premios Oscar, Gustavo Santaolalla; a escritora brasileira e Premio Príncipe de Asturias das Letras, Nélida Piñón; o ex-seleccionador de fútbol español, Vicente del Bosque; a nominada ao Premio Nobel da Paz e directora do Instituto Afgán da Aprendizaxe, Sakena Yacoobi; ou a moza emprendedora peruana Mariana Costa, cuxo traballo en favor da integración das mulleres no ámbito tecnolóxico foi eloxiado por Barack Obama e Mark Zuckeberg.

Spin2016 é unha iniciativa de RedEmprendia, coorganizada con Banco Santander, a través de Santander Universidades, a Universidade de Santiago de Compostela, a Fundación Cidade da Cultura de Galicia e a Xunta de Galicia. Conta ademais co apoio da Deputación da Coruña, Estrella Galicia, Fundación EY, Indra, Gas Natural Fenosa, Google, Paypal, Tecnocom, a Fundación Paideia e a Cátedra UPM-Clarke, Modet & Cº España, e a colaboración de máis de medio cento de organizacións públicas e privadas e universidades.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-09-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (programacion-karmica-2026.jpg) O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.
Foto de la tercera plana (hoteis-galicia.jpg) O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este martes os datos da enquisa de ocupación hoteleira na comunidade galega, que revelan que os hoteis e pensións galegas ingresaron nos oito primeiros meses do ano 334,7 millóns de euros, que revelan un incremento do 6,6% con respecto ao mesmo período do pasado ano. A rendibilidade hoteleira medra nos oito primeiros meses do ano o 7,5%. Só no mes de agosto, o sector tivo uns ingresos de 92,4 millóns de euros que se traducen nunha suba do 8,8% con respecto ao mesmo mes do ano pasado. Por primeira vez supérase a barreira dos 90 millóns de euros de ingresos no mes de agosto rexistrando un máximo histórico.

Notas

O luns 28, Día Internacional do Dereito a Saber, arranca na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela (USC) a XI edición do Congreso Internacional de Transparencia e Bo Goberno (CIT), que se prolongará ata o martes 29 co apoio institucional da Xunta de Galicia, o Consello de Contas e o Consello Consultivo, entre outras institucións e organismos.
137 traballos científicos elaborados por preto de 260 autores vinculados a 52 institucións académicas e de investigación de máis dunha ducia de nacionalidades. A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da UVigo acollerá o 1 e 2 de outubro, o ITC’26, 18º Congreso Internacional de Turismo, un encontro académico e profesional no que se reunirá persoal investigador, docente e experto en turismo transfronteirizo procedente de catro continentes.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES