Notas de prensa

AGE vota en contra da resolución do Parlamento Europeo sobre o Brexit

A eurodeputada Lidia Senra considera que "dicir só que hai que reformar a UE non vale. Hai que refundala, construír a Europa dos pobos”. A galega chamou no pleno extraordinario europeo a respectar a vontade do pobo inglés, escocés e irlandés nos seus diferentes resultados acadados no referendo.

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), votou, no pleno extraordinario do Parlamento Europeo, en contra da resolución conxunta acordada polos grupos do PPE, S&D, ALDE e Verdes/ALE, sobre a decisión do Reino Unido de saír da Unión Europea como consecuencia do referendo celebrado o 23 de xuño.

Lídia Senra quixo destacar o seu “máis profundo respecto á decisión tomada tanto polo pobo inglés, como polo escocés e irlandés” a semana pasada no referendo e considerou que este pobos amosaron “a través de resultados diferentes segundo as diferentes nacións británicas, un sentimento único que é a vontade dos pobos a seren donos dos seus sentidos”.

A eurodeputada destacou que en Inglaterra, o malestar expresouse especialmente en zonas desindustrializadas onde pervive unha clase traballadora depauperada, optando pola saída da UE. En Escocia e Irlanda, o malestar expresouse a través da vontade de soberanía respecto de Inglaterra. “Nos tres casos, estamos ante pobos que usaron un referendo para dicir alto e claro que están fartos de que lles subtraian a súa soberanía popular para decidiren o seu futuro”. “A canalización de parte dese malestar a través do chauvinismo e a xenofobia é só o síntoma de que a democracia non está a funcionar correctamente”, dixo.

Senra explicou que se votou en contra da resolución que saiu adiante no pleno do Parlamento Europeo foi porque “non sirve só manifestar –como fan os grupos asinantes PPE, S&D, ALDE e Verde/ALE- a necesidade de reformar a Unión Europea”. “Iso sona igual que cando dixeron que había que reformar o capitalismo e a solución foi reformalo en beneficio do propio capitalismo e tomar por exemplo a decisión de que a sociedade asumira en forma de débeda pública os desmans da banca privada”.

Neste sentido, a eurodeputada defendeu que a UE “hai que refundala para construír unha Europa dos pobos, onde o dereito a decidir de cada pobo sexa respectado, e onde os valores da democracia, a paz, a xustiza social, a tolerancia, o progreso, a cooperación, a igualdade, o feminismo, o respecto á nai terra, o dereito ás soberanías nacional, enerxética e alimentaria, etc, sexan a guía para a construción desta nova Europa”.

“Non é boa práctica que a chanceler alemana Ángela Merkel se reúna co seu pequeño clube para seguir impondo as políticas neoliberais máis axeitadas para os seus intereses. Por ese camiño, imos mal”, dixo.

Para a eurodeputada galega, “cómpre actuar xa retirando as políticas de austeridade, eliminando a débeda que hoxe ten totalmente hipotecados aos pobos dos sur, actuando para relocalizar as producións e as industrias, rematando coas imposicións do Euro e recuperando e fortalecendo os servizos públicos básicos como o ensino e a sanidade, así como os servizos socias públicos”.

Neste sentido, desde AGEe urximos a retirada do coñecido como "documento dos cinco Presidentes" –asinado por Jean -Claude Juncker (presidente da Comisión Europea), Donald Tusk (presidente do Consello Europeo), Jeroen Dijsselbloem (presidente do Eurogrupo), Mario Draghi (presidente do Banco Central Europeo) e Martin Schulz (presidente do Parlamento Europeo)- no que propoñen medidas para seguir avanzando nestas políticas de austeridade e asfixia das clases populares da Unión Europea.

“Compre tamén proceder a poñer fin ás negociacións dos tratados como o TTIP, o CETA ou o TISSA porque siguen sendo uns instrumento para traspasar a soberanía dos pobos ás corporacións transnacionais”, dixo Senra.

“Só iniciando un proceso de reflexión e profundo debate sobre medidas deste tipo, seremos capaces de avanzar. A UE é un proxecto fracasado porque non é capaz de dar resposta a ningunha das grandes crises da actualidade, polo que permanecer coa situación actual ou profundizar nas medidas neoliberais so conlevará máis sufrimento aos pobos e un forte avance das dereitas populistas, da extrema dereita, do racismo e da xenofobia, tanto dentro como fóra da Unión Europea. Cómpre recordar a perigosa política racista e xenófoba que hai detrás de acordos como o da UE-Turquía”, zanxou a eurodeputada.

Equipa de Comunicación AGEe, 2016-06-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (bosque-03.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Consello deu o visto e prace ao Plan de prevención de incendios forestais que estará en vigor ata marzo do 2025 e 'que estará dotado de 41 millóns de euros, un 6% máis que o anterior'. Entre outros fitos, este plan 'prevé actuar en máis de 60.000 hectáreas e case 5.000 puntos de auga'. Entre as principais novidades está o obxectivo da Xunta de avanzar na prevención dos lumes mediante o uso da gandaría en extensivo.
Foto de la tercera plana (salto-cuantico.jpg) O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) colaboran ao longo deste ano 2024 nun programa de actividades para dar visibilidade ao vínculo entre a arte e a ciencia. O obxectivo é descubrir relacións que non sempre son evidentes pero que historicamente determinaron cambios nas metodoloxías de traballo de ambas as disciplinas, favoreceron a implementación de novas ferramentas e contribuíron a modificar as perspectivas. Neste contexto, e co gallo do Día Mundial da Cuántica, este domingo preséntase no centro museístico compostelán a peza Salto cuántico, encargada polo CESGA, entre outras actividades.

Notas

Un mes de teatro universitario con representacións chegadas desde Galicia, León e Colombia. Así será a XXVI Mostra Internacional de Teatro Universitario de Vigo, Miteu 2024, un evento cultural co que a Universidade convida á cidadanía a achegarse ao campus e gozar do teatro universitario máis actual, tanto do que sae das aulas galegas como daquel que se forxa máis aló da nosas fronteiras.
A Cátedra do Camiño e das Peregrinacións da USC, que xurdiu da colaboración da USC con Turismo de Galicia da Xunta de Galicia, acaba de estrear a Base de Datos de Peregrinos a Compostela (Badapeco), unha ferramenta dixital de consulta e traballo en liña que permitirá poñer en contacto a persoal investigador, docentes, universidades e centros de investigación interesados en estudar e achegar novos datos sobre peregrinas e peregrinos a Santiago de calquera época a partir de fontes bibliográficas e documentais.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES