Notas de prensa

Preséntase un novo libro cos discursos dos expresidentes galegos, desde Fernández Albor ata Feijóo

Feijóo refírese aos ex-presidentes da Xunta como os activos principais “dese galeguismo e dese europeísmo que forxan o noso autogoberno”, durante a presentación do libro Fernando González Laxe discursos parlamentarios, o segundo volume da colección do Parlamento dedicada aos presidentes de Galicia.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, referiuse aos ex-presidentes da Xunta como os activos principais “dese galeguismo e dese europeísmo que forxan o noso autogoberno”.

Durante o acto de presentación do libro Fernando González Laxe discursos parlamentarios, o segundo volume da colección do Parlamento dedicada aos presidentes de Galicia, afirmou que o paso do tempo, e sobre todo a integridade das persoas, fan que os ex-presidentes formen parte dun patrimonio común que desdebuxa as fronteiras partidarias. “Eles son os grandes artífices do que somos”, asegurou, afirmando que cada un na súa etapa demostrou que a política é útil, “que non é outra cousa que a ferramenta que temos os homes para definir xuntos o noso destino, para cambialo ou continualo”.

Sobre este punto, aseverou que Galicia definiu o seu, e o resultado está no Parlamento; “neste acto no que expresamos a convivencia, a tolerancia e a unidade que o noso pobo practica a cotío”, dixo.

Feijóo lembrou que desde ese xa afastado 1987, a historia acelerouse para producir cambios que ningún escritor de ficción puido imaxinar. “Desaparecen imperios e nacións; xorden países novos e caducan ideoloxías que pretendían resolver para sempre os problemas da humanidade; desátanse crises e asoman diferentes ameazas. Pero a democracia, os parlamentos, o poder da palabra, seguen en pé”, aseverou, facendo fincapé en que grazas á democracia, ao Parlamento e á palabra, Galicia segue en pé e son precisamente os que pisan a liberdade os que esmorecen.

Ao longo do acto, o titular da Xunta subliñou que Europa é unha idea esencial para entender a personalidade de Fernando González Laxe e que curiosamente, o europeísmo tamén condiciona decisivamente as traxectorias de Xerardo Fernández Albor, Manuel Fraga e Emilio Pérez Touriño. “As súas ideoloxías converxeron no europeísmo. Tanto o reformismo duns, como a socialdemocracia doutros, tiñan o común denominador de Europa”, abundou.

Nesta liña, asegurou que hai unha teima recorrente nestes discursos parlamentarios que hoxe se presentan: Europa. “Nesa Galicia de 1987 Fernando González Laxe loita por europeizar a nosa mentalidade, disipar as dúbidas que a integración suscitaba nalgúns sectores, e responder dialecticamente ao euroescepticismo político”. E destacou ademais a influencia intelectual que González Laxe segue exercendo a través de actividades docentes, investigadoras e divulgativas, “especialmente valiosas –aseverou- no eido rural”.

NotaComo admirador do seu traballo, o titular da Xunta resaltou a súa constante preocupación por converter a Galicia unida nunha Galicia artellada. “Velaí o gran reto de quen goberna e dos que reflexionan”, recalcou, afirmando que a unidade do noso pobo é unha constante que se fortalece co autogoberno.

“O artellamento é un desafío constante, derivado dos cambios demográficos, tecnolóxicos e culturais. Saber artellar o cambio, artellar a diversidade, é a gran proba dos nosos tempos”, recoñeceu, insistindo en que “por fortuna contamos co exemplo dos que forxaron a Galicia que hoxe desfrutamos”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-05-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES