Notas de prensa

O Parlamento aproba a Lei do Patrimonio Cultural

Esta norma legal, que substitúe á Lei 8/95, foi elaborada por técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural consolida o réxime de protección e axiliza a xestión administrativa. O texto define novas tipoloxías patrimoniais, maior implicación e coordinación cos concellos, a través da habilitación legal, e ofrece a máxima protección do patrimonio sobranceiro de Galicia.

O Parlamento de Galicia vén de aprobar a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e que permitirá unha tripla simplificación para a materia que regula: lexislativa, coa derrogación doutros tres textos do mesmo rango; administrativa, reducindo prazos e trámites e gañando en participación e descentralización; e clasificatoria no que atinxe aos bens, pois rebaixará as tres categorías preexistentes a dúas, o que clarifica os réximes de protección e as súas consecuencias xurídicas.

A nova lei, que entrará en vigor ao longo do verán, foi elaborada por técnicos cun amplo coñecemento práctico en materia de patrimonio cultural, suporá unha simplificación normativa respecto da situación actual, permitindo recoller os avances dispostos nas políticas de xestión patrimonial durante as dúas últimas décadas. Ademais procurará unha máis doada e eficiente cotiá e a máxima seguridade xurídica para a cidadanía acerca do noso patrimonio cultural.

Para isto consolídase o réxime e niveis de protección previstos na lei 8/95, introducindo medidas tendentes á súa mellora tanto no nivel da regulación internacional, coma no nivel da organización administrativa, na procura da simplificación do réxime. Finalmente, froito dese coñecemento máis detallado das faltas contra o patrimonio, na aplicación desta mellórase a precisión na relación de casos previstos no seu réxime sancionador, pasándose así de 23 infraccións administrativas tipificadas na norma do 1995 a 54 na actual.

Clarificación legal e seguridade xurídica

O anteproxecto derroga e refunde o disposto na Lei 8/1995, de Patrimonio Cultural de Galicia, na Lei 3/1996, de Protección dos Camiños de Santiago, e na Lei 12/1991, de traballos de dotación artística nas obras públicas e nos Camiños de Santiago da Comunidade Autónoma de Galicia.

A norma reduce a dúas as categorías de bens do patrimonio cultural de Galicia: Bens de interese cultural e Bens catalogados, que contarán con cadanseu instrumento de rexistro independente: o Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e o Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia.

Na proposta, os Bens de Interese Cultural incluirán os BICs por declaración singular e diversos BICs que o son ope legis –é dicir, por imperativo legal–. De xeito análogo, a categoría de Bens catalogados abranguerá a todos os bens que figuren no Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia; aqueles que estean contidos individualmente nos catálogos urbanísticos e os catalogados ope legis.

A maiores, outra importante novidade da lei é a creación do Censo do Patrimonio Cultural como instrumento de publicidade e transparencia, que lle outorga seguridade xurídica á cidadanía e que será obxecto de continua actualización. No censo recolleranse os bens e manifestacións inmateriais do patrimonio cultural de Galicia, en tanto non sexan declarados de interese cultural ou catalogados. Os bens incluiranse no censo para a súa documentación, estudo, investigación e difusión dos seus valores.

Implicación dos concellos

Unha das principais novidades da lei vén determinada a través da habilitación legal para que os concellos poidan autorizar intervencións en determinados bens catalogados do patrimonio arquitectónico e etnolóxico, o que supón un avance na descentralización e permitirá unha maior implicación e colaboración das entidades locais coa protección e salvagarda do Patrimonio Cultural propio, así como a axilización na tramitación de autorizacións.

A habilitación terá unha serie de condicións que haberá que cumprir, como a sinatura dun convenio coa Xunta, acreditar a existencia de cadros técnicos precisos e contar co planeamento urbanístico aprobado. Así mesmo, a habilitación –que sempre será de carácter voluntario−, estará circunscrita ás actuacións nuns determinados tipos de bens, nos que quedan excluídos os de interese cultural, o patrimonio eclesiástico, o artístico e o arqueolóxico.

Avances en novos patrimonios

A norma inclúe dúas novidades significativas respecto da vixente: a regulación nun título específico do patrimonio inmaterial, cun tratamento diferenciado para a lingua galega e a toponimia; e a inclusión de novas perspectivas de valoración e protección de patrimonios que no momento da redacción da lei do 1995 non estaban desenvoltos nin regulados en extenso no eido internacional, tales como o patrimonio subacuático, o industrial e o científico e técnico.

No caso do Patrimonio Inmaterial incorporaranse definicións e criterios do Convenio para a salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura, recoñecendo o papel activo das comunidades na súa protección e sostemento.

Por outra banda, o Subacuático incluirá a catalogación ex lege dos pecios anteriores a 1901 somerxidos no mar territorial de Galicia e definirá uns principios claros de actuación acordes coa Convención da UNESCO que rexe na materia. Ademais, no caso do Patrimonio Industrial incluirase a presunción de valor segundo criterio de datación, o que garante unha maior seguridade xurídica. Asumirase igualmente a metodoloxía de actuación dun importante instrumento de xestión como é o Plan Nacional de Patrimonio Industrial. E, finalmente, no caso do patrimonio Científico e Técnico, a avaliación realizarase de xeito singular e en función da natureza dos bens.

Sobre o idioma propio de Galicia

A nova norma analiza e inclúe de xeito específico tanto a toponimia como a lingua galega. No caso da primeira, a Xunta velará, conxuntamente con outras institucións, pola preservación da toponimia tradicional, que ten a consideración de valor identitario da Comunidade Autónoma, así como un instrumento para a concreción da denominación xeográfica dos pobos e dos seus bens.

Aínda que a lingua como elemento identitario ten a súa regulación específica na Lei de Normalización Lingüística, no actual proxecto de lei recoñécese de xeito expreso como canle pola que vehicular o noso patrimonio inmaterial, que inclúe as tradicións e expresións orais; a toponimia; as artes do espectáculo; os usos sociais, rituais, cerimonias e actos festivos; os coñecementos e usos relacionados coa natureza e o universo; así como as técnicas artesanais tradicionais, actividades produtivas e procesos.

Protección para o Camiño

Para avanzar pola senda dunha protección efectiva do Camiño de Santiago elaborarase un plan territorial integrado dos Camiños de Santiago que estableza as liñas xerais para o mantemento e a conservación dos seus valores culturais e para garantir unha ordenación do territorio harmoniosa e integrada con eles.

O ámbito deste plan estenderase á totalidade dos territorios históricos delimitados e o seu obxectivo principal será a conservación xeral do carácter dos territorios históricos, mantendo as súas características tradicionais.

Co Plan Territorial Integrado establecerase de forma unitaria e integrada os principios, normas e criterios que permitan unha maior axilidade nos trámites derivados das preceptivas autorizacións municipais e sectoriais, mesmo no eido da protección patrimonial.

Ferramentas de conservación innovadoras

Para rematar, outra das novidades destacadas da norma que saíu a colación no debate foi a relativa ás novas ferramentas de protección. Neste sentido, a nova lei adopta os avances acordados na reunión de Davos sobre Patrimonio Mundial e incorpora avances para a protección como o establecemento de zonas de amortecemento dos bens. Esta zona ten por finalidade reforzar a protección dos elementos do patrimonio cultural, así como a súa visibilidade e visibilización.

O uso destas zonas son un anovador medio de preservación dos valores dos bens, posto que unha parte importante das ameazas que afectan aos bens integrantes do patrimonio cultural téñense localizado nos límites destes ou nos seus arredores, onde os mecanismos legais adoitan ser máis limitados ou mesmo inexistentes.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-04-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-cuantica.jpg) CiberLabFP configúrase como un espazo de aprendizaxe, experimentación e desenvolvemento de competencias en contornos reais que integran tecnoloxías da información (IT) e de operación (OT) para así adaptar a Formación Profesional aos novos escenarios de transformación dixital. Entre as súas funcionalidades destacan a formación especializada do profesorado, a simulación de ciberataques e defensa en contornos virtuais, a análise forense industrial ou a validación de sistemas. Ademais, contará cunha estación móbil que permitirá levar a tecnoloxía a centros educativos e realizar demostracións en empresas e feiras.
Foto de la tercera plana (costa-litoral-illas-cies.jpg) Celebrouse hoxe a sesión constitutiva do Foro do Litoral de Galicia, que será o máximo órgano colexiado de consulta e participación do conxunto da sociedade co fin de optimizar a xestión e ordenación da costa galega. Nel están representadas a Administración autonómica e as locais así como os sectores social, científico, económico e medioambiental e as entidades implicadas na protección do patrimonio natural co fin último de garantir unha gobernanza que permita unha participación suficiente de todos os sectores da sociedade interesados no litoral. A constitución do foro facilitará a partir de agora facer un seguimento das normas, políticas e instrumentos do litoral.

Notas

Baixo o lema A inclusión no centro: perspectivas internacionais para o cambio institucional desenvolverase entre os días 4 e 8 de maio a International Staff Week 2026, unha iniciativa coa que a Vicerreitoría de Internacionalización persegue un triplo obxectivo: fortalecer as relacións internacionais da UVigo: explorar novas oportunidades de colaboración académica; e compartir boas prácticas en materia de mobilidade internacional.
Un estudo realizado por persoal investigador do grupo de Neurobioloxía Celular e Molecular da Enfermidade de Parkinson do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) e da Universidade de Cambridge, coa colaboración doutras institucións europeas como o Instituto Karolinska, propón unha nova forma de entender como se dana e se repara o cerebro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES