
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, apostou pola feira internacional Navalia como porta a máis carga de traballo, emprego e crecemento do naval galego. Conde participou na presentación das xornadas técnicas que se desenvolverán na feira, xunto a responsables do propio evento, Aclunaga, Arvi e a Cámara de Comercio, e sinalou que este espello do naval galego non é só a feira do naval máis importante do sur de Europa e unha das cinco máis importantes a nivel mundial, senón que representa o esforzo, a seriedade, a innovación e o traballo que nos teñen permitido comezar a camiñar cara unha recuperación da que o naval é un dos mellores expoñentes.
Neste senso, Conde resaltou que o bo dato de exportacións do sector en febreiro, cando sumou 17 millóns en vendas ao exterior, vén a consolidar unha traxectoria que ten levado aos estaleiros galegos a acumular 2.000 millóns de euros en contratos, despois de que a carga de traballo medrase un 50% nun só ano. O conselleiro apuntou que os últimos informes, que aínda non inclúen varios buques, reflicten 19 barcos na carteira de pedidos galega, un 30% de toda a carga de traballo dos estaleiros españois. Nos situamos no bo camiño para recuperar o liderado do naval a nivel nacional, que estamos a gañar coa crecente competitividade global dos nosos estaleiros, da nosa industria auxiliar, e dos nosos centros de coñecemento, dixo Conde.
Esa competitividade, defendeu, se basea sobre os piares da innovación, das melloras na comercialización, e sobre un reforzado financiamento. O conselleiro defendeu que o primeiro deses eidos é clave para que Galicia asuma unha posición de vangarda no naval europeo do século XXI, porque o naval non é alleo á revolución tecnolóxica que está a chegar a todo o tecido económico da man da Industria 4.0.
Lembrou neste senso que a Xunta ten apoiado proxectos innovadores por máis de 30 millóns de euros no sector nos últimos anos, entre as que se inclúen iniciativas coas que o Goberno galego ten reforzado o camiño cara o estaleiro intelixente, como as 3 unidades mixtas de investigación no naval centradas nos novos procesos industriais, o convenio que a Xunta puxo en marcha con Aclunaga e Aimen para o impulso do Naval 4.0 desde o CIS Galicia, e o concurso de Ideas Industria 4.0, que financiará con 4 millóns de euros 4 proxectos demostrativos de novas tecnoloxías asociadas a esta revolución.
Iniciativas que se complementan co traballo planificado no marco da Axenda 20 para o Emprego, que busca impulsar a adaptación dos traballadores do naval a esta revolución tecnolóxica, adaptando os certificados de profesionalidade, programando cursos específicos, e creando unidades de formación nas empresas.
Comercialización e financiamento
Conde destacou que a Xunta está a acompañar aos responsables dos estaleiros fomentando contratos e negocios, impulsando a comercialización e permitindo gañar contratos e posicionarnos no ámbito internacional, cunhas cifras de contratos que van a máis.
Ese pulo á comercialización, dixo Conde, é paralela a un impulso ao financiamento do sector con fitos como o fondo de garantías de Pymar e o novo tax lease. Conde referiuse a esta última ferramenta refrendada definitivamente polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea, que acabou cun órdago inxusto lanzado polos empresarios holandeses, e garantiu unha seguridade xurídica completamente blindada para o sector naval galego.
Innovación, comercialización e financiamento, dixo Conde, son precisamente tres eidos nos que Navalia xoga un papel fundamental. Neste senso, destacou que a feira permite ás empresas acceder ás últimas innovacións nos stands e as xornadas técnicas, e sinalou ademais que é clave para impulsar a comercialización dos nosos produtos e levando o nome do naval galego por todo o mundo, e poñendo as bases para que armadores e estaleiros cheguen a acordos financeiros dos que xurdan contratos que apuntalen o noso crecemento.
Un evento que pon os ollos do sector en Vigo con medio milleiro de expositores procedentes de todo o mundo, desde China a Estados Unidos e desde Corea ata Brasil; sumando máis de 25.000 profesionais e o clima adecuado para pechar novos contratos.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.