
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, recoñeceu o labor dos galardoados coas Medallas do Parlamento de Galicia e afirmou que grazas ao seu traballo a Cámara galega é a catedral da palabra. Antón Rosón, Tomás Pérez Vidal, Victorino Núñez, José María García Leira, Dolores Villarino e Pilar Rojo. A medalla que hoxe se lles concede é unha distinción axeitada e oportuna porque o seu labor podería quedar postergada por fitos en aparencia máis relevantes, dixo, subliñando que grazas a eles, o Parlamento non foi soamente a clave de bóveda do templo político autonómico, senón sobre todo a gran referencia social do país.
Durante o acto de imposición, Feijóo afirmou que todos eles encamiñaron conflitos, mitigaron inimizades que semellaban insuperables e demostraron que a antítese amigo-inimigo pode substituírse por outra que alude a adversarios ou opoñentes. A estas mulleres e homes debémoslles moito, aseverou, afirmando que a súa pegada está presente nunha Galicia diversa, feita con distintos afluentes, pero que é quen de compartir a idea básica de que a forza da razón é superior á razón da forza.
Ademais do traballo desenvolvido polos galardoados, Feijóo atribuíu o éxito do Parlamento galego, que pasados trinta e cinco anos segue a ser o centro, o eixo e o núcleo da nosa vida pública, á existencia dun Parlamento implícito no pobo galego, moito antes de que estes muros albergasen os seus representantes. Somos un país de palabras. O concepto trato está marcado na nosa personalidade, lembrou, ao que engadiu que o Parlamento consignado no noso Estatuto de Autonomía non fixo máis que darlle forma a un sentimento latente no noso carácter.
Así mesmo, o titular da Xunta avogou por non esquecer tampouco a calidade humana e intelectual dos políticos que participaron nesta tarefa común. Son poucas e esquecibles as excepcións a unha norma xeral de servidores públicos empeñados en traer a este recinto a voz da xente, e levar á xente o traballo desta institución, aseverou.
Durante a súa intervención, Feijóo asegurou que os parlamentos evidencian as eivas dos intolerantes, e remarcan a capacidade dos que dialogan. E, sobre este punto afirmou que estes anos foron pródigos en diálogo.
O presidente da Xunta concluíu resaltando que democracia e parlamento son termos indisociables: Non hai democracia sen parlamento, nin parlamento sen democracia, incidiu, lembrando que esa asociación entre estes dous conceptos fundamentais para a vida en común, vai fraguando durante moitos séculos de evolución desde os primitivos organismos estamentais ata as cámaras de hoxe.
O parlamentarismo é unha vella tradición que evoluciona, que mellora gradualmente, que deixa de ser un privilexio para converterse en dereito e garantía. O Parlamento é unha proba vixente de que as reformas progresivas son moito máis eficaces e duradeiras que as rupturas expeditivas, abundou. E, nesta liña recordou que aqueles países que viron interrompida a súa tradición parlamentaria, tiveron que atravesar épocas tráxicas das que tardaron en recuperarse; e os que se inspiraron na tradición para mellorala e adaptala, progresaron e solucionaron a súa complexidade con conflitos que nunca quebraron a súa unidade interna.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.