A recuperación do patrimonio musical de Galicia recibe un novo impulso coa publicación do disco Viento de plata. Jesús Bal y Gay & Rosa García Ascot, un traballo editado coa colaboración da Xunta de Galicia que recolle a gravación, por vez primeira, da obra para piano solo e para canto e piano desta parella na vida e na arte que representa o esforzo dos artistas pertences á Xeración do 27 por rexenerar a creación musical da época.
Paula Ríos, ao piano, e Eva Juárez, soprano, interpretan o repertorio da figura dun dos compositores máis importantes deste país no século pasado, que é o lucense Jesús Bal y Gay; neste caso, ademais, en unión coa que foi a súa compañeira vital e creativa, Rosa García Ascot. Así o asegurou hoxe o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, na rolda de prensa de presentación do disco, que tivo lugar no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e que contou coa participación da pianista Paula Ríos, formada no Conservatorio Superior de Música de Vigo e, actualmente, profesora no Conservatorio de Madrid.
O secretario xeral destacou a importancia de asegurar a difusión pública de traballos de especial interese para a recuperación do patrimonio musical galego e incidiu na calidade dun disco que nos achega á obra desta singular parella de artistas pertencentes á máis brillante xeración de creadores e intelectuais do século XX en España.
Interese histórico e artístico
A Bal y Gay (Lugo 1905-Madrid 1993) referiuse Anxo Lorenzo como un compositor, crítico e xestor, pioneiro na etnomusicoloxía galega e que sempre mantivo un forte compromiso con Galicia. Ascot (Madrid 1902-2002), pola súa banda, foi una recoñecida pianista e compositora, e a única alumna de Manuel de Falla. As súas obras, de enorme calidade, reflicten a evolución da música española e son parte fundamental da nosa historia, afirmou.
Paula Ríos explicou durante a presentación o proceso de recuperación das obras, algunhas delas construídas sobre versos galegos, que foron gravadas no Auditorio de Galicia en 2015. O disco, editado por Columna Música e que conta tamén coa colaboración da Deputación de Lugo, inclúe un total de 13 pezas, das cales 10 nunca foran gravadas ata o momento. A pianista Paula Ríos interpretou durante a rolda de prensa extractos de dúas delas: Petite Suite, de Rosa García Ascot, e Hojas de álbum, de Jesús Bal y Gay.
Finalmente, o secretario xeral de Cultura adiantou que no vindeiro outono teremos a oportunidade de desfrutar desta excelente intérprete en referencia a Paula Ríos cun concerto de piano solo arredor da obra de Bal y Gay e de Rosa Acot dentro das programacións musicais da Consellería de Cultura e Educación.
Recuperación e posta en valor do patrimonio musical
No marco das iniciativas impulsadas a prol da recuperación e da posta en valor do patrimonio musical galego, a Secretaría Xeral de Cultura colaborou en 2015 co libro-disco Xoán Tilve, Gaiteiro de Campañó, un estudo pormenorizado sobre o legado do Gaiteiro de Campañó (1872-1950) a partir das gravacións realizadas por Xosé Filgueira Valverde en 1947, editado pola Cen¬tral Folque.
O departamento tamén vén colaborando con actividades como o Simposio de musicoloxía Reveriano Soutullo, para difundir a obra do compositor de Ponteareas, e coa iniciativa No bico un cantar, promovida polo Consello da Cultura Galega e que congrega nenos e nenas de toda Galicia, procedentes de diversos centros de educación musical, co obxectivo de trasladar a paixón pola música culta e a poesía galega e de difundir o patrimonio musical e literario.
En 2012, a Secretaría Xeral de Cultura xa colaborara co disco Jesús Bal y Gay. Obra sinfónica completa, editado polo selo Verso e coproducido pola Xunta de Galicia e a Orquestra Sinfónica de Córdoba, baixo a dirección do prestixioso director de orquestra e Premio Nacional de Música José Luis Temes.
O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.