
Non debemos olvidar os principios éticos e os valores que inspiran a acción política da nosa formación. A honestidade, a transparencia, a liberdade e a igualdade deben fundamentar o noso comportamento como políticos, pero sobre todo como persoas, tanto nas relacións cos cidadáns como no ámbito interno do partido, explica Raquel Arias.
En política, como na vida, non todo vale. Nin nas formas nin no fondo. Se reivindicamos exemplaridade debemos demostrala con feitos. E nesto, non hai medias tintas, engade.
Para a candidata á presidencia do PP de Lugo, a integridade nas palabras pero sobre todo nas actitudes debe ser unha virtude esencial para calquera político deste partido. Dificilmente poderemos aspirar á confianza dos nosos militantes se non somos capaces de miralos aos ollos e convencelos de que a acción política que defendemos busca o ben común.
Neste contexto, Raquel Arias amósase segura de que o vindeiro día 6 de marzo os compromisarios terán a oportunidade de decidir en liberdade e con ilusión o futuro que queren para o Partido Popular de Lugo.
Nós optamos por evitar situacións incómodas entre compañeiros que nada aportan ó proceso, di. Por iso, o pasado venres xa presentou ante os órganos competentes da formación os 155 avais necesarios e da por seguro que a outra candidata fará o propio nos vindeiros días.
Neste sentido, a candidata lembra que o procedemento que rexe este congreso impide que un mesmo compromisario avale a máis dunha candidatura. De feito, un aval duplicado quedaría automaticamente invalidado.
Estou convencida de que, coma min, Elena Candia cumprirá escrupulosamente as regras do xogo e, en aras do futuro do partido, fomentará que este conclave se desenvolva en harmonía e tendo sempre presente que todos somos o Partido Popular, e que é a nosa obriga enriquecelo e fortalecelo pero sobre todo mantelo unido.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.