
Trátase dun dos fondos inéditos máis destacado do agrarismo, republicanismo e emigración da súa época, explican dende o grupo de investigación do Departamento de Historia Contemporánea e América. A recuperación foi posible grazas á colaboración de Perfecto Ramos Rodríguez, estudoso local do tema, e particularmente á familia de Marcelino Gómez Arias (1880-1924), un dos persoeiros que máis destacaron na loita pola república e os dereitos dos agrarios nos primeiros anos do século XX, apunta o propio Ramos Rodríguez.
Entre o material recuperado atópanse exemplares correspondentes a distintos números de La España Moderna, El Clamor Español, Tierra Libre, ou El Amigo del Pueblo. Tamén un exemplar de El Despertar Gallego e outro de La Zarpa, que forman parte do material legado por Marcelino Gómez e conservado polos seus descendentes. Ademais, recuperáronse dous exemplares de Aires del Miño e de El Eco del Condado, que aínda que non pertencentes ao legado de Gómez Arias, son dous documentos escasos e importantes para a historia da comarca pontevedresa, explican dende Histagra.
Xunto estas publicacións periódicas tamén se documentaron dous anuncios doutros tantos mitins celebrados en Arbo en 1923 e na Cañiza en 1923, respectivamente. Como explican os investigadores da USC, a recuperación foi posible grazas á colaboración da neta de Marcelino, Lucrecia, quen cedeu os orixinais para a súa posta a disposición de investigadores e persoas interesadas e moi especialmente a Perfecto Ramos, xa que foi el quen recuperou a figura de Marcelino, a súa historia e as súas loitas, que plasmou na obra Marcelino Gómez Arias. Unha vida dedicada á loita pola república e o agrarismo.
O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.