Notas de prensa

Ábrese o 1 de marzo a inscrición na bolsa de emprego temporal da Administración

Estas listas son utilizadas pola Xunta para a contratación de persoal laboral temporal e para o nomeamento de funcionarios interinos. A inscrición poderase realizar en 25 listas, das que sete ábrense neste 2016. Os interesados terán de prazo ata o 15 de xullo e a Xunta actualiza os méritos das persoas que xa forman parte das listas, que non teñen que inscribirse.

A Xunta de Galicia abrirá a vindeira semana o prazo de inscrición na bolsa de emprego temporal da Administración galega. Calquera persoa que cumpra os requisitos de titulación poderá inscribirse nas listas para a contratación de persoal laboral temporal e para o nomeamento da funcionarios interinos da Xunta de Galicia.

O prazo de inscrición permanecerá aberto dende o 1 de marzo ata o vindeiro 15 de xullo, segundo recolle unha resolución da Dirección Xeral da Función Pública no Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe. O número de listas que estarán abertas á inscrición é de 25. Delas, 13 listas son para o nomeamento de funcionarios interinos e 12 para a contratación de persoal laboral. Respecto a 2015 ábrense sete listas.

Todas aquelas persoas interesadas en formar parte desta bolsa de emprego temporal poderán solicitar a súa inscrición no prazo de referencia, e para iso deberán presentar a instancia conforme ao modelo que se atopa xa á súa disposición na web da Xunta de Galicia (www.xunta.gal), no apartado de Listas de Contratación. As persoas que xa forman parte desta bolsa non é preciso que se anoten de novo.

O acceso ao emprego temporal na Administración galega realízase a través do nomeamento de persoal funcionario interino ou da contratación temporal de persoal laboral. En ambos casos, as persoas seleccionadas proceden das listas elaboradas para este efecto. A orde de prelación dos aspirantes –cuxas solicitudes se engaden ás xa existentes- vén determinada pola suma de puntuacións atribuídas aos seus méritos.

Entre as listas abertas á inscrición están as de titulado superior médico; ATS, enfermeiro, practicante; mestre especialista en educación infantil; oficial 1ª cociña; auxiliar sanitario, auxiliar clínica, auxiliar psiquiátrico, auxiliar de enfermería; inspección urbanística; arquitectos; enxeñeiros industriais; veterinarios; biólogos; escalas superior e técnicas de finanzas e enxeñeiros técnicos agrícolas.

O maior número de contratacións no eido da Administración xeral realízase nos centros de Política Social, en postos de traballo como auxiliares sanitarios, coidadores, auxiliares de enfermaría ou coidadores xeriátricos, xa que os servizos sanitarios, educativos e de xustiza da Xunta incorporan persoal temporal a través das súas propias bolsas de contratación.

Actualización de méritos

Ademais, tamén se publica hoxe no DOG a actualización de méritos das persoas integrantes da bolsa de emprego temporal da Administración galega. Deste xeito, a Xunta de Galicia procede a actualizar os méritos adquiridos ao longo de 2015 polas persoas que xa integran as distintas listas.

En todo caso, dende mañá ábrese un prazo de dez días hábiles para que as persoas interesadas poidan solicitar emendas e achegar a documentación xustificativa. Unha vez examinada a documentación, a Consellería de Facenda, a través da Dirección Xeral da Función Pública, dará publicidade ás puntuacións definitivas cunha nova resolución que tamén se publicará no DOG.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-02-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES