Notas de prensa

Arranca FalaRedes 2016 cunha homenaxe a Manuel María por Uxía e Magín Blanco

A Sala Azul do Auditorio de Ourense acolle o sábado 20 de febreiro o primeiro concerto do programa FalaRedes 2016 dirixido ás familias e aos cativos desde os 5 anos e familias, no marco da celebración do Día Internacional da Lingua Materna. Ourense celebra unha homenaxe a Manuel María por parte de Uxía e Magín Blanco.

O programa de dinamización lingüística FalaRedes, promovido pola Consellería de Cultura e Educación –por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística- en concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, abre a súa quinta edición. E faino en Ourense, coincidindo coa celebración institucional do Día Internacional da Lingua Materna, tal e como anunciaron en rolda de prensa esta mañá Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, e Jesús Vázquez Abad, alcalde da cidade.

“Como non podía ser doutro xeito, neste ano de Manuel María, o programa ‘FalaRedes’ integra unha das mellores propostas artísticas inspiradas no poeta do pobo para renderlle tributo e facer partícipe desta celebración a Rede de Dinamización, nomeadamente a xente miúda, da man de dous dos artistas máis coñecidos pola cativada galega, Uxía e Magín”, destacou o secretario xeral durante a súa intervención, na que avanzou que “este programa de dinamización porá en marcha xa a semana que vén a segunda das propostas que a Secretaría Xeral de Política Lingüística levará aos concellos durante este ano para dinamizar a lingua galega”.

Pola súa banda, o alcalde fixo fincapé en que Ourense enmarca a actividade ‘Todo me fala de ti’ na celebración institucional do Día da Lingua Materna. García Gómez e Vázquez Abad estiveron acompañados polos músicos responsables de ‘Todo me fala de ti’, Uxía e Magín Blanco, e mais pola representante de Urdime Propostas Culturais, Emi Candal.

‘Todo me fala de ti’

‘FalaRedes’ ábrese cunha actividade de dinamización lingüística que é tamén unha homenaxe a Manuel María, o autor a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.

Os recoñecidos músicos Uxía, Magín Blanco e Santi Cribeiro -que teñen mostrado a súa mestría para engaiolar o público infantil en traballos como María Fumaça, Rosalía pequeniña, A nena e o grilo ou Gatuxo- cantan os textos do poeta da Terra Cha nun concerto pensado para nenos e nenas de máis de 5 anos e para as súas familias.

Deste xeito, ao tempo que difunden a obra de Manuel María entre a xente miúda, amplían o repertorio de música infantil en galego coas cancións do seu disco Canta o cuco. ‘Todo me fala de ti’ ofrécenos, pois, temas bonitos e doados de aprender que se desfrutarán durante o concerto e que, con seguridade, se seguirán cantando na casa para que o galego estea presente no espazo familiar unha vez rematada a actividade.

Baixo xestión de Urdime, o espectáculo de dinamización lingüística baseado no proxecto editado por Galaxia chegará a 15 localidades da RDL de febreiro a maio de 2016.

Próxima parada, Marín

A localidade pontevedresa de Marín será, logo da estrea na Cidade das Burgas do novo ‘FalaRedes’, a seguinte anfitrioa de ‘Todo me fala de ti’ o vindeiro sábado 27 de febreiro, ás 18:00 horas, na biblioteca pública municipal Vidal Pazos. Coma sempre no ‘FalaRedes’, a entrada será libre e de balde ata completar a capacidade da sala.

A programación de ‘Todo me fala de ti’ desenvolverase ata o mes de maio nos concellos da Coruña, Ferrol, Ribeira, Santiago de Compostela, Burela, Vilalba, O Barco de Valdeorras,O Carballiño, Cangas, A Estrada, O Grove, Vilagarcía de Arousa e Ponteceso (en colaboración coa Fundación Eduardo Pondal).

O calendario completo estará dispoñible proximamente no Portal da Lingua Galega, nas redes sociais do programa ‘FalaRedes’ e na Axenda de Cultura de Galicia.

‘FalaRedes’

O programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes’ chega á súa quinta edición con novas propostas para gozar do tempo libre en galego que se desenvolverán desde este mes e ao longo de todo o ano nos concellos da Rede de Dinamización Lingüística.

Os obxectivos de ‘FalaRedes’ son ampliar a oferta de ocio na nosa lingua, promover o seu uso e valoración positiva, fornecer o ámbito municipal de actividades de lecer en galego e apoiar os artistas que desenvolvan o seu traballo no idioma propio de Galicia.

Ao longo das catro edicións anteriores, ‘FalaRedes’ chegou a todos os concellos que integran a RDL (que conta arestora con máis de 170 entidades adheridas), con preto de 700 actividades para público de diferentes idades.

Toda a información en lingua.gal.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-02-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (proxecto-xenoma-galicia.jpg) O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
Foto de la tercera plana (womex-2026.jpg) A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.

Notas

A Universidade de Vigo acollerá os días 4, 5 e 6 de novembro a 5th European School on Environmental Applications of Advanced Oxidation Processes (5thEPS-AOPs), un encontro científico internacional que reunirá expertos, persoal investigador, estudantes de doutoramento e representantes do sector empresarial para abordar os últimos avances en tecnoloxías de descontaminación ambiental e tratamento sostible da auga.
A UDC pon en marcha InPacto, unha iniciativa que busca achegar a investigación de excelencia á cidadanía e fortalecer a conexión entre universidade, empresa e sociedade. Este programa reúne por primeira vez nun proxecto común ao persoal investigador Ramón y Cajal (R&C) da UDC para desenvolver unha programación de actividades de divulgación, transferencia de coñecemento e participación social.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES