Notas de prensa

Shorts from Galicia presenta no festival de Clermont-Ferrand o seu novo catálogo de curtametraxes

Agadic conta cun espazo de difusión para a produción galega de curtametraxes e a presenza en Euro Connection 2016, no mercado deste prestixioso festival francés, que arrancou con máis de 3.600 profesionais de 92 países. Shorts from Galicia inclúe curtas de Xacio Baño, Keina Espiñeira, Santos Díaz, Eloy Domínguez e Lois Blanco.

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está a promover a máis recente produción de curtas galegas na trixésimo primeira edición do mercado do Festival Internacional de Curtametraxes de Clermont-Ferrand, que deu comezo nesta localidade francesa coa asistencia de máis de 3.600 acreditados de 92 países.

Este prestixioso evento, considerado como a principal cita mundial para os profesionais deste ámbito audiovisual, supón así mesmo o arranque da distribución da nova edición do catálogo 'Shorts from Galicia', para o que foron seleccionados os últimos traballos de Xacio Baño, Keina Espiñeira, Santos Díaz, Eloy Domínguez Serén e Lois Blanco Araúxo.

O de Clermont-Ferrand é o primeiro dos nove encontros nos que o audiovisual galego contará con representación este ano no marco do programa de internacionalización que a Agadic vén desenvolvendo co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e a colaboración do Clúster Audiovisual Galego (Clag). Este calendario feiral inclúe, así mesmo, o European Film Market de Berlín (Alemaña), que comeza este xoves en paralelo á Berlinale, o MIPTV, o Marché du Film e o MIPCOM de Cannes (Francia), o Sunny Side Of The Doc da tamén localidade francesa de La Rochelle, o MICSUR de Bogotá (Colombia), o Ventana Sur de Bos Aires (Arxentina) e o RioContentMarket de Río de Janeiro (Brasil).

'Stand' con espazo propio

No caso de Clermont-Ferrand, o audiovisual galego dispón dun espazo propio dentro do ‘stand’ paraugas coordinado polo Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA) e compartido con outros organismos autonómicos e entidades de Madrid, Canarias, Cataluña, Comunidade Valenciana, Estremadura e País Vasco, ademais de con varias das principais distribuidoras españolas no ámbito das curtametraxes.

Desde este expositor, estase a distribuír entre os profesionais acreditados (representantes de produtoras, distribuidoras, televisións, festivais e axentes de vendas internacionais) a nova edición do catálogo 'Shorts from Galicia', no que se recollen cinco destacados títulos de recente produción a través dos que se busca dar conta do bo momento creativo que está a vivir o audiovisual galego.

Trátase de 'Eco', de Xacio Baño, estreado na pasada edición do Festival de Locarno e galardoado no Zinebi Bilbao, L'Alternativa de Barcelona e Alcine; 'Tout le monde aime le bord de la mer', polo que Keina Espiñeira acaba de recibir unha mención no International Film Festival Rotterdam grazas á que competirá na categoría de curtametraxes dos próximos Premios do Cine Europeo; 'A liña política', de Santos Díaz, filme estreado na pasada edición de Cineuropa; 'Yellow Brick Road', documental de produción galego-sueca rodado por Eloy Domínguez Serén nun campo de refuxiados saharauís de Tindouf (Alxeria); e 'Fálame do silencio', primeiro proxecto audiovisual asinado por Lois Blanco Araúxo.

Do mesmo xeito que o festival que o acolle, o mercado de Clermont-Ferrand consolidouse nos últimos anos como a primeira plataforma internacional para a industria cinematográfica que se desenvolve arredor da produción de curtas, así como para impulsar as carreiras dos talentos emerxentes.

Xunto coa actividade promocional e comercial, a feira acolle outra serie de actividades como ‘showcases’, conferencias, debates e o Euro Connection, un foro centrado na procura de coproducións a nivel europeo a través de sesións de ‘pitching’ e reunións personalizadas. Este ano hai tamén representación galega no programa deste Euro Connection, no que está a participar Chelo Loureiro, de Abano Producións, como única produtora española convidada.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-02-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (proxecto-xenoma-galicia.jpg) O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
Foto de la tercera plana (womex-2026.jpg) A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.

Notas

A Universidade de Vigo acollerá os días 4, 5 e 6 de novembro a 5th European School on Environmental Applications of Advanced Oxidation Processes (5thEPS-AOPs), un encontro científico internacional que reunirá expertos, persoal investigador, estudantes de doutoramento e representantes do sector empresarial para abordar os últimos avances en tecnoloxías de descontaminación ambiental e tratamento sostible da auga.
A UDC pon en marcha InPacto, unha iniciativa que busca achegar a investigación de excelencia á cidadanía e fortalecer a conexión entre universidade, empresa e sociedade. Este programa reúne por primeira vez nun proxecto común ao persoal investigador Ramón y Cajal (R&C) da UDC para desenvolver unha programación de actividades de divulgación, transferencia de coñecemento e participación social.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES