
O Salón Teatro de Santiago de Compostela recibe o xoves 28 de xaneiro á compañía lusa A Escola da Noite, de Coimbra, para a presentación en Galicia do seu espectáculo A canoa, versión portuguesa da obra de Cándido Pazo A piragua que o Centro Dramático Galego (CDG) estreara en 2007. O autor galego é tamén o director desta montaxe, que se representa ás 20.30 horas.
Catro meses despois da súa estrea en Portugal, o espectáculo regresa aos escenarios para ofrecer esta función en Compostela, á que seguirán dúas sesións especiais esta fin de semana en Coimbra.
A obra foi escrita orixinalmente para ser producida polo CDG e posteriormente foi representada tamén por Abrapalabra Creacións Escénicas, a compañía do propio Pazó. A canoa pon o foco sobre a lacra da violencia doméstica dun xeito directo, chamando a atención sobre como a sociedade aborda este drama a partir do conxunto de normas, máis ou menos explícitas, en que todos nos movemos.
Sinopse
Partindo dun episodio absurdo sucedido na reunión dunha comunidade veciñal, na que un home se queixa de que un dos veciños garde unha piragua no garaxe, a historia comeza a ser contada en escena por dous actores que preparan un novo espectáculo. A través das súas memorias e dos ensaios que levan a cabo diante do público, os espectadores irán descubrindo os pormenores dunha situación da que os actores foron testemuñas no mesmo predio no que ensaian a diario.
Cándido Pazó asina, xunto a Sofia Lobo, a tradución ao portugués da peza, que en Santiago interpretarán Igor Lebreaud, Isabel Leitão, Maria João Robalo, Miguel Magalhães e Ricardo Kalash. No equipo figuran tamén os galegos Afonso Castro, no deseño de iluminación, e Manuel Riveiro Hermo, na composición musical. Ademais, João Mendes Ribeiro e Luisa Bebiano encargáronse da escenografía; Ana Rosa Assunção, dos figurinos e a imaxe gráfica; e Eduardo Pinto, do vídeo.
A posta en escena de A canoa supón a culminación da relación artística entre Cándido Pazó e A Escola da Noite, compañía coa que o director, actor e dramaturgo vigués xa colaborara noutros proxectos. É, así mesmo, un importante paso adiante no camiño de diálogo e intercambio profesional que veñen desenvolvendo nos últimos tempos os sistemas teatrais galego e portugués.
As entradas para a función de A canoa o xoves 28 de xaneiro en Santiago poden adquirise por adiantado n web entradas.abanca.com ou na billeteira do Salón Teatro, que abre ao público desde dúas horas antes do comezo do espectáculo. O seu prezo é de 10 euros, sobre o que se aplica un desconto do 40 por cento para persoas en situación de desemprego, maiores de 65 anos, xubilados, titulares do carné xove, de estudante e determinados colectivos profesionais.
O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.