O BNG denuncia que a decisión do goberno central en funcións de prorrogar por sesenta anos a presenza de Ence-Elnosa na Ría de Pontevedra supón unha traizón de Mariano Rajoy aos intereses xerais de Galiza a favor dos intereses particulares dun empresa.
Rajoy utiliza o tempo de desconto para consumar un atropelo con nocturnidade e aleivosía que prexudica non só a veciñanza de Pontevedra e comarca senón ao conxunto do país, critica o portavoz nacional, Xavier Vence. A prórroga, dada a coñecer pola empresa pese a súa transcendencia pública, evidencia unha decisión corrupta do PP que desoe o clamor cidadán para satisfacer os intereses da pasteira, en cuxo consello de administración ocupan postos clave figuras destacadas do PP, como Isabel Tocino, Abril Martorel ou Del Álamo, afondou.
O Bloque xa anuncia que estudará todas as vías posibles para enfrontar esta decisión que entrega durante sesenta anos a Ría de Pontevedra a unha empresa, tanto a través da loita social na rúa, como desde as institucións e pola vía xudicial. Ao mesmo tempo, reclamará ao futuro goberno central que derrogue esta prórroga.
O dirixente nacionalista acusa a Rajoy de desprezar a demanda maioritaria da sociedade ao poñerse do lado da pasteira, ignorando unha reclamación que mereceu anos de reivindicación e de loita na rúa e nas institucións por parte de miles de galegos e galegas, aos que o presidente en funcións deixa de lado para atender os intereses dunha empresa colocada na Ría de Pontevedra polo franquismo.
Neste sentido, o BNG explica que a lexítima demanda da cidadanía, -que o Bloque sempre defendeu e apoiou, con especial empeño desde a responsabilidade de goberno municipal en Pontevedra-, permitiría a rexeneración íntegra da Ría, coa conseguinte creación de miles de postos de traballo reais.
Ademais dun claro atentado contra a autonomía municipal, -que o PP consuma tras modificar a Lei de Costas-, o Bloque considera a prórroga unha privatización do dominio público, unha auténtica fraude cando o Goberno da Xunta de Feijóo debería exercer as competencias exclusivas en materia de territorio e iniciar o proceso para recuperar o espazo de Ence-Elanosa.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.