Notas de prensa

Agadic contribúe con 58 funcións ata xuño na Rede Galega de Salas

Sala Gurugú e Teatro del Andamio da Coruña, Sala Ingrávida do Porriño, Fundación SGAE de Santiago e Teatro Ensalle de Vigo conforman este circuíto de distribución de espectáculos en escenarios de titularidade privada e capacidade reducida. Entre 28 compañías sobresae a oferta dirixida ao público infantil e familiar.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria programará durante no primeiro semestre de 2016 un total de 58 representacións escénicas como parte da oferta cultural que achega a través da Rede Galega de Salas. Sala Gurugú e Teatro del Andamio da Coruña, Sala Ingrávida do Porriño, Fundación SGAE de Santiago de Compostela e Teatro Ensalle de Vigo conforman este circuíto de exhibición de espectáculos, financiado integramente pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

Contribúese deste xeito ao mantemento da actividade das salas escénicas de titularidade privada e capacidade reducida que, porén, reúnan os requirimentos para o desenvolvemento das actuacións de xeito profesional. Neste primeiro período de programación anual son 28 as compañías que dan forma á carteleira da Rede Galega de Salas, para a que se conta cun orzamento próximo aos 28.500 euros.

Propostas para público familiar

Este circuíto iniciou a súa actividade en 2007, ofrecendo dende entón un catálogo de propostas caracterizado pola multidisciplinariedade e no que foron cobrando maior peso as novas tendencias escénicas e os espectáculos especialmente dirixidos ao público infantil e familiar. De feito, este último tipo de propostas supón máis dun 65 por cento das actuacións contratadas no circuíto de xaneiro a xuño.

A meirande parte destes espectáculos preséntanse na Rede Galega de Salas da man de compañías galegas: A Illa dos Nenos, A Cova das Letras, A Xanela do Maxín, APP Creacións, Artello Teatro, Caramuxo Teatro, Danthea Teatro, Elefante Elegante, Floristería, Galitoon, Katarsis Educación e Teatro, Ningures Produción, Os Contos de Pablísimo, Teatro da Semente, Títeres Alakrán, Títeres Cachirulo, Trinketrinke Teatro e Xarope Tulú. En canto ás propostas teatrais para público adulto, a oferta galega está conformada por Aflera Producciones, Anómico Teatro, Ibuprofeno Teatro, Matrioshka Teatro, Teatro Ensalle e Xerpo Cultural.

A Rede Galega de Salas dá forma xunto á Rede Galega de Teatros e Auditorios e á Rede Galega de Música ao Vivo á carteleira de exhibición escénica e musical máis ampla de Galicia, que durante este semestre ofrecerá un total de 500 actuacións de teatro, música, danza, maxia e novo circo en 79 espazos de toda Galicia.

A programación das tres redes pode consultarse nos webs www.cultura.gal/gl/axenda e www.agadic.gal/Axenda.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-01-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (proxecto-xenoma-galicia.jpg) O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
Foto de la tercera plana (womex-2026.jpg) A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.

Notas

A Universidade de Vigo acollerá os días 4, 5 e 6 de novembro a 5th European School on Environmental Applications of Advanced Oxidation Processes (5thEPS-AOPs), un encontro científico internacional que reunirá expertos, persoal investigador, estudantes de doutoramento e representantes do sector empresarial para abordar os últimos avances en tecnoloxías de descontaminación ambiental e tratamento sostible da auga.
A UDC pon en marcha InPacto, unha iniciativa que busca achegar a investigación de excelencia á cidadanía e fortalecer a conexión entre universidade, empresa e sociedade. Este programa reúne por primeira vez nun proxecto común ao persoal investigador Ramón y Cajal (R&C) da UDC para desenvolver unha programación de actividades de divulgación, transferencia de coñecemento e participación social.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES