
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avogou por seguir explorando nas posibilidades que ofrece a industria eólica mariña para garantir máis carga de traballo aos estaleiros de Navantia Fene. Así o manifestou logo de participar no inicio de fabricación das cinco estruturas flotantes que este estaleiro construirá para o que é o primeiro parque eólico flotante do mundo, o parque Hywind en Escocia.
Feijóo precisou que se trata do segundo contrato en menos dun ano que Navantia Fene consegue no eido da eólica mariña neste caso para a empresa enerxética noruega Statoil, despois de que en decembro de 2014 lle fose encargada a construción de 29 jackets para o parque eólico mariño que Iberdrola promove en Alemaña (Wikinger), no Mar do Norte.
Ambos os dous pedidos lográronse en alianza coa empresa asturiana Windar Renovables e son, dixo, unha demostración de que Navantia Fene se está posicionando como un socio de referencia no mercado eólico offshore. Despois de case dez anos sen carga de traballo é grazas á industria eólica mariña este estaleiro volve estar operativo, salientou.
As cinco estruturas flotantes, de 6 MW cada unha, terán un peso dunhas 3.500 toneladas, unha lonxitude de 90 metros e un diámetro de 14,5 metros. Contan cun investimento total de máis de 215 millóns de euros e a súa construción suporá un ano continuado de traballo para máis de 300 persoas.
Máis carga de traballo
Son boas novas, dixo, porque estas cinco estruturas constitúen o proxecto piloto dun encargo moito maior que podería ascender a 60 estruturas máis, o que sitúa Navantia Fene en posición de vantaxe cando se adxudique este segundo paquete. E, ademais, xunto cos 29 jackets que constrúe para Iberdrola en Alemaña, a carga de traballo no eido da eólica offshore ascende xa a máis de 700 postos de traballo.
Neste sentido, subliñou que Galicia ten un importante camiño andado que supuxo pasar da inactividade á recuperación de carga de traballo para o sector na ría de Ferrol. Un camiño no que Navantia está demostrando o valor internacional da enxeñaría naval galega, pero no que fan falta máis avances que se traduzan en máis ocupación, dixo. Ao respecto, destacou que a carga de traballo en carteira ou noutros estadios finais de negociación no conxunto dos estaleiros galegos actualmente suma máis de 1.900 millóns de euros.
Unha industria emerxente
Recoñeceu así que a industria eólica mariña é unha industria emerxente que ofrece enormes posibilidades para o sector naval. E, en concreto, sinalou que as estruturas flotantes representan o futuro desta industria porque permiten desenvolver parques eólicos a maiores profundidades e a distancias máis afastadas da costa, producen con iso un menor impacto visual, e xeran menor afección ao ambiente, posto que non se fixan no leito mariño senón que se amarran.
Feijóo considerou unha vantaxe para Navantia o feito de contar cunhas instalacións cunha excelente localización xeográfica e acceso ao mar; cos medios técnicos necesarios para fabricar e mover grandes estruturas; e, sobre todo, coa alta cualificación e a experiencia de todo o cadro de profesionais que traballan na empresa. Tres razóns de peso, indicou, que outorgan a este estaleiro un alto valor competitivo nun mercado emerxente como é o sector eólico en alta mar, e que o sitúan nunha posición privilexiada á hora de optar a novos contratos.
Neste contexto, avanzou que Navantia Fene presentou dúas ofertas para a construción dun parque eólico mariño no norte de Escocia para a eléctrica escocesa SSE, e outro no Mar do Norte promovido por Iberdrola dos que confiou en ter boas novas. En 2016 decidirase a execución de máis de 300 jackets, o que podería ser unha gran oportunidade de seguir incrementando a carga de traballo no naval galego, adiantou.
Integrar a innovación no sector naval
O presidente galego considerou que as dúas adxudicacións coas que xa conta Navantia no campo da eólica mariña son consecuencia do esforzo que o sector está a realizar por diversificar a súa produción incorporando a innovación para ser máis competitivo. E, nesta liña, referiuse aos apoios que está a achegar a Xunta para acadar este reto. Trátase dun obxectivo prioritario da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3), e os Programas Innterconecta e Conecta Peme nas súas diversas convocatorias prestaron xa financiamento para 19 proxectos de I+D+i dirixidos á mellora de produtos e servizos para empresas deste sector, con axudas que superan os 9 millóns de euros e que mobilizan un investimento próximo aos 20 millóns de euros.
Na mesma liña, as Unidades Mixtas de Investigación mobilizarán máis de 8 millóns de euros en programas innovadores de I+D+i para este sector, como o que está realizando a Universidade da Coruña e Navantia para deseñar o estaleiro do futuro, que conta cunha subvención de 0,7 millóns de euros. Unha pata fundamental do proceso de transformación de Navantia que definirá a modernización que necesita o estaleiro de Ferrol para facer fronte ao desenvolvemento da fragata F-110.
E, igualmente, tamén o CIS Galicia está a desenvolver un proxecto co conxunto do sector naval galego para implantar o naval 4.0; é dicir, avances que permitan a integración de tecnoloxías TIC, que axuden a mellorar a integración e a comunicación entre estaleiros e auxiliares, e que melloren os traballos de deseño e construción a través da robótica e a automatización de procesos. Un proxecto ao que a Xunta achega 1,8 millóns de euros.
Outros pedidos en carteira
Feijóo lembrou que as dúas últimas adxudicacións conseguidas por Navantia Fene, súmanse a outros pedidos que o estaleiro ten en carteira como a construción do flotel de Pemex, que segue adiante e ten como data límite de entrega o 16 de xullo. O Buque de Acción Militar (BAM) para a Armada española, do cal xa están en construción 26 dos 40 bloques que forman o barco coa previsión de que se poña a quilla a finais de abril e en abril de 2017 sexa a botadura. Ou os catro petroleiros para o armador Idiazabal, cuxa obra, que se fabricará en parte en Ferrol, comezará a metade deste ano logo de que en decembro xa se puxeran as quillas.
Ademais, canto ao dous buques de apoio loxístico para a Armada australiana (BAC), Navantia figura neste momento como finalista e se espera a decisión nos vindeiros meses, apuntou. E, tamén é grazas ao esforzo innovador que está a realizar esta empresa polo que colabora co estaleiro australiano ASC na construción alí dun programa de destrutores antiaéreos.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.