Notas de prensa

Teatro do Noroeste estrea na Coruña a obra de Eduardo Alonso: Palabras malditas

Miguel Ínsua, Sara Casasnovas e Luma Gómez interpretan esta historia, ambientada na cidade herculina da posguerra e na que dous marxinados, un profesor represaliado e unha prostituta, que se esforzarán por atopar xuntos a felicidade. O espectáculo arranca no Teatro Rosalía de Castro da Coruña coa axuda de Agadic á produción escénica en Galicia.

O Teatro Rosalía Castro da Coruña acolle o venres 15 de xaneiro a estrea do novo espectáculo de Teatro do Noroeste, ‘Palabras malditas’, escrito e dirixido por Eduardo Alonso. A última proposta da compañía compostelá, ambientada na cidade herculina nos anos da posguerra, é unha das 26 montaxes subvencionadas en 2015 pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da convocatoria de axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) á produción escénica.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, asistirá á estrea que se celebrará mañá ás 20.30 horas. O sábado á mesma hora terá lugar unha segunda representación, inserida na programación que o teatro coruñés desenvolve como integrante da Rede Galega de Teatros e Auditorios, o circuíto de distribución de espectáculos promovido pola Agadic en colaboración con preto de 40 entidades e concellos de toda Galicia.

Temporada en Madrid

Teatro do Noroeste sitúase con este espectáculo entre as compañías máis programadas durante o primeiro semestre de 2016 neste circuíto, no marco do que levará a cabo 11 representacións de ‘Palabras malditas’. Ademais, a compañía viaxará a Madrid coa versión en castelá desta montaxe, que poderá verse no Teatro Español do 5 ao 22 de maio.

Miguel Ínsua, Sara Casasnovas e Luma Gómez compoñen o trío interpretativo desta produción, realizada a partir da obra pola que Eduardo Alonso conseguiu un accésit do Premio Lope de Vega 2014. A peza xira arredor da historia compartida nos anos corenta por dous seres marxinados, un represaliado profesor especialista en poesía francesa e unha prostituta, que coinciden nunha sórdida pensión da Coruña. A pesar das aparentes diferenzas que os separan, ambos aférranse o un ao outro como táboa de salvación fronte á soidade. Desde xeito, formarán un tándem inspirador na procura da felicidade.

No equipo de Teatro do Noroeste figuran tamén Fernando Alonso na composición musical, Paco Conesa no deseño da escenografía e vestiario e Eva Alonso na produción.

As entradas para as dúas funcións de ‘Palabras malditas’ na Coruña poden adquirirse a través das canles habituais para a venda de billetes do Teatro Rosalía Castro: na billeteira central da praza de Ourense, aberta de luns a venres de 9.30 a 13.00 horas e de 16.30 a 19.30 horas, no teléfono 902 044 226 ou na web de Ticketea, ademais de no propio teatro os días de representación.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-01-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (proxecto-xenoma-galicia.jpg) O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
Foto de la tercera plana (womex-2026.jpg) A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.

Notas

A Universidade de Vigo acollerá os días 4, 5 e 6 de novembro a 5th European School on Environmental Applications of Advanced Oxidation Processes (5thEPS-AOPs), un encontro científico internacional que reunirá expertos, persoal investigador, estudantes de doutoramento e representantes do sector empresarial para abordar os últimos avances en tecnoloxías de descontaminación ambiental e tratamento sostible da auga.
A UDC pon en marcha InPacto, unha iniciativa que busca achegar a investigación de excelencia á cidadanía e fortalecer a conexión entre universidade, empresa e sociedade. Este programa reúne por primeira vez nun proxecto común ao persoal investigador Ramón y Cajal (R&C) da UDC para desenvolver unha programación de actividades de divulgación, transferencia de coñecemento e participación social.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES