Notas de prensa

Feijóo defende o autonomismo integrador de Galicia que se define por orgullo de pertenza

“Non necesitamos contrapoñernos nin enfrontarnos frontalmente a nada nin a ninguén para reafirmar o que somos; non precisamos proclamar o que non somos nin infrinxir normas para sentir a importancia do significado de ser galegos e galegas en Galicia e en España”, asevera Feijóo na presentación do libro “Xerardo Fernández Albor".

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, defendeu o galeguismo como un autonomismo integrador que busca sumar e non restar, e que non se define por oposición senón por orgullo de pertenza. “Non necesitamos contrapoñernos nin enfrontarnos frontalmente a nada nin a ninguén para reafirmar o que somos; non precisamos proclamar o que non somos nin infrinxir normas para sentir a importancia do significado de ser galegos e galegas na Galicia actual e na España actual”, aseverou.

Así se expresou na presentación do libro “Xerardo Fernández Albor, discursos parlamentarios. Primeiro volume da colección do Parlamento dedicada aos presidentes de Galicia”, onde asegurou que Galicia entende o galeguismo “como nexo de unión entre os galegos, como un sentimento compartido que cohesiona o país”. “Non hai maior desprezo cara a un pobo que empregar o amor á terra como ferramenta para dividir e enfrontar aos cidadáns. Aí nunca estivo Albor, e aí nunca estará Galicia”, apostilou.

Feijóo asegurou que Galicia “construíu unha autonomía sobre o respecto á lei, á convivencia e, sobre todo, apoiándonos uns galegos noutros. De aí o éxito colectivo do que sentirnos orgullosos como país”, dixo. Aos que, porén, a autonomía “lles sabe a pouco, e máis que construír propoñen destruír contra a lei, a convivencia, e dividindo ao pobo, só obterán o contrario: o fracaso”.

Segundo indicou, son valores que se encarnan na figura de Xerardo Fernández Albor, “un home no que os galegos vemos un pai; un pai que soubo representar as mellores virtudes dun pobo, e transformalas en feitos e sentimentos”, dixo. “Galicia contou con el e, grazas a esa feliz circunstancia, o novo marco político será tamén unha continuidade co mellor do noso pasado”.

O titular da Xunta referiuse ao ‘sentidiño’ predicado por Albor que, segundo dixo, “consistía en aplicar esa cultura do entendemento á política práctica”. E, nesta liña, engadiu que “para ser sandadora das doenzas de Galicia, a Autonomía precisaba de dirixentes escoitadores que soubesen atopar os remedios no propio sentimento colectivo”.

A política paulatina

Ao presidente Fernández Albor, agregou, debémoslle a idea da ‘política paulatina’, posto que a historia demóstranos que “as grandes transformacións acádanse mediante pequenos pasos, e non con accións drásticas ou xestos solemnes”. Eses pequenos pasos “transformaron unha Xunta provista de máis ilusións que facultades, nunha Administración moderna ao servizo da cidadanía”. E o máis importante, engadiu, “é que eses pasos curtos pero intensos, decididos e irreversibles, foron dados pola maioría dos galegos”.

Na súa intervención, o titular da Xunta tivo palabras tamén para a presidenta do Parlamento galego, Pilar Rojo, diputada electa en Cortes, a quen lle recoñeceu que soubo exercer con elegancia a difícil arbitraxe parlamentaria e “transformar as liñas vermellas en grandes símbolos de suma”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-01-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES