Notas de prensa

A RAGC premia unha investigación que descarta a toxicidade de nanomateriais utilizados en terapias contra o cancro e para transportar fármacos

O traballo, realizado por científicos da Universidade da Coruña, resulta gañador do Premio de Investigación 2015 da Real Academia Galega de Ciencias. O Premio de Promoción de Novos Investigadores tamén estuda as nanopartículas e correspóndelle a un químico da Universidade de Vigo.

O traballo científico galardoado co Premio de Investigación 2015 da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), dotado con 6.000 euros, proba a seguridade das nanopartículas metálicas de óxido de ferro con potenciais usos en biomedicina. O equipo galardoado está formado por Blanca Laffon, Gözde Kiliç, Eduardo Pásaro e Vanessa Valdiglesias, membros do grupo de investigación en Diagnóstico Condutual e Molecular aplicado á Saúde (Dicomosa) da Universidade da Coruña (UDC). O proxecto premiado na categoría de investigadores mozos, dotado con 2.000 euros, é para o químico da Universidade de Vigo (Uvigo) Miguel Alexandre Ramos.

A elección dos galardoados vén de ser aprobada en pleno pola RAGC. Os premios serán entregados nunha cerimonia que terá lugar o 20 de xaneiro en Santiago, coincidindo coa apertura do curso académico da institución. Os galardóns, que chegan este ano á súa vixésimo cuarta edición, levan o nome Premios de Investigación Ernesto Viéitez, na honra do anterior presidente da institución.

Directas á enfermidade

A nanotecnoloxía xurdiu hai pouco máis de tres décadas, pero o seu avance nos últimos anos está a ser exponencial. A investigación dos materiais a escala nanométrica permite hoxe aplicacións no aforro de enerxía para vehículos, na redución da contaminación, en produtos cosméticos e en prendas téxtis intelixentes, entre moitas outras. Dos 1.500 produtos baseados en nanotecnoloxía que actualmente se comercializan en todo o mundo, a maioría teñen utilidades na saúde e o benestar, como é o caso dos biomédicos.

O uso de nanopartículas, especialmente as de tipo metálico, para a liberación controlada de medicamentos, para o diagnóstico certeiro e temperán de doenzas e para o tratamento de enfermidades graves, especialmente o cancro e trastornos neurolóxicos coma o Parkinson, o Alzheimer e a esclerose múltiple, é cada vez máis común.

Sen embargo, hai só unha década que se rexistraron os primeiros estudos sobre os potenciais efectos adversos da exposición aos nanomateriais sobre a saúde humana. “Do mesmo xeito que o seu tamaño e as súas propiedades os convirten nunha excelente opción para acceder ao organismo a nivel celular para actuar de xeito beneficioso, estas mesmas características poden implicar efectos negativos, xa que é fácil a súa interacción con calquera compoñente celular podendo causar efectos tóxicos”, explica Blanca Laffon.

O grupo de investigación galardoado pola RAGC centrouse na análise das nanopartículas de óxido de ferro, as máis utilizadas no ámbito biomédico pola súa capacidade para a liberación de fármacos e a destrucción dirixida de tecidos tumorais, entre outras características. Estas nanopartículas teñen que ir recubertas con outros materiais como o sílice para poder realizar ben as súas funcións e son biodegradables. Aínda que o ferro é esencial para o organismo humano, niveis elevados deste metal poden causar desequilibrios que inclúen danos no ADN ou procesos inflamatorios.

Os estudos sobre a toxicidade das nanopartículas de óxido de ferro sobre as células (citotoxicidade), o ADN (xenotoxicidade) e o sistema nervioso (neurotoxicidade) son moi escasos, polo que os investigadores galegos decidiron iniciar un proxecto científico exhaustivo para mellorar o coñecemento sobre os riscos que pode ter a introdución destes nanomateriais no organismo humano.

Cun nivel de profundidade sen precedentes a nivel científíco, o equipo da UDC realizou numerosas análises con diferentes variables das que concluíron unha baixa toxicidade xeral das nanopartículas sobre o organismo. A nivel celular e neurolóxico, só se atoparon resultados positivos en concentracións moi elevadas e tempos prolongados de exposición. Os danos no ADN, pouco probables, non chegarían a producir roturas de dobre cadea ou perda de cromosomas.

Os resultados obtidos neste traballo proporcionan unha mellor comprensión da interacción das nanopartículas de óxido de ferro cos sistemas celulares e tamén das súas posibles consecuencias, especificamente a nivel do sistema nervioso. Ademais, segundo a coordinadora do equipo investigador, “os datos xerados poderán ser utilizados na avaliación de risco de exposición a estas nanopartículas e, polo tanto, como base para o establecemento de guías de boas prácticas sobre o manexo destes materiais. Isto permitirá garantir tanto a seguridade dos traballadores implicados na súa manufactura como a dos pacientes e dos consumidores finais dos produtos comercializados”.

Premio investigadores mozos

O traballo premiado na categoría de investigadores mozos, outorgado ao químico da Uvigo Miguel Alexandre Ramos, consiste no deseño e obtención de nanopartículas octaédricas de monóxido de cobalto. No seu traballo descríbense procesos complexos como o que permite crear ocos dentro das nanopartículas, o que facilita a súa aplicación no transporte e liberación de fármacos, entre outros usos.

Ana Conde - Growcom SL , 2016-01-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (programacion-karmica-2026.jpg) O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.
Foto de la tercera plana (hoteis-galicia.jpg) O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este martes os datos da enquisa de ocupación hoteleira na comunidade galega, que revelan que os hoteis e pensións galegas ingresaron nos oito primeiros meses do ano 334,7 millóns de euros, que revelan un incremento do 6,6% con respecto ao mesmo período do pasado ano. A rendibilidade hoteleira medra nos oito primeiros meses do ano o 7,5%. Só no mes de agosto, o sector tivo uns ingresos de 92,4 millóns de euros que se traducen nunha suba do 8,8% con respecto ao mesmo mes do ano pasado. Por primeira vez supérase a barreira dos 90 millóns de euros de ingresos no mes de agosto rexistrando un máximo histórico.

Notas

O luns 28, Día Internacional do Dereito a Saber, arranca na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela (USC) a XI edición do Congreso Internacional de Transparencia e Bo Goberno (CIT), que se prolongará ata o martes 29 co apoio institucional da Xunta de Galicia, o Consello de Contas e o Consello Consultivo, entre outras institucións e organismos.
137 traballos científicos elaborados por preto de 260 autores vinculados a 52 institucións académicas e de investigación de máis dunha ducia de nacionalidades. A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da UVigo acollerá o 1 e 2 de outubro, o ITC’26, 18º Congreso Internacional de Turismo, un encontro académico e profesional no que se reunirá persoal investigador, docente e experto en turismo transfronteirizo procedente de catro continentes.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES