Notas de prensa

O CGAI retoma o ciclo dedicado ás comedias dos estudios Ealing no inicio da súa programación de 2016

A carteleira arranca o xoves 7 con ‘Ocho sentencias de muerte’, de Robert Hamer, tras a que se proxectarán ‘Pasaporte a Pimlico’, ‘Oro en barras’ e ‘Los apuros de un pequeño tren’.

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) inicia a súa programación de 2016 retomando na súa sede da Coruña o ciclo dedicado ás comedias dos estudios londinienses Ealing, do que xa ofrecera unha primeira entrega a finais de 2015. Neste caso, a carteleira reúne catro clásicos filmados por Robert Hamer, Henry Cornelius e Charles Chrichton entre 1949 e 1953.

Esta segunda parte das ‘Comedias Ealing’ arrancará o xoves 7 con ‘Ocho sentencias de muerte’, de Robert Hamer, á que seguirán ‘Pasaporte a Pilmlico’, de Henry Cornelius, o venres 8; e ‘Oro en barras’ e ‘Los apuros de un pequeño tren’, ambas de Charles Chrichton, que se exhibirán o martes 12 e o mércores 13, respectivamente. Nos catro casos, trátase de sesións dobres con pases ás 18.00 e as 20.30 horas.

Off Galicia

No inicio desta nova programación regresan, ademais, os sábados ‘Off Galicia’, centrados na produción audiovisual galega e para os que se conta con presentacións a cargo dos directores programados. As próximas citas desta sección son as proxeccións de ‘O descubrimento de Américo’ e ‘Decalcomanía’, de Miguel Mariño (9 de xaneiro); ‘Rancor’, de Miguel Morales e ‘A liña política’, de Santos Díaz (16 de xaneiro); ‘El secreto del bosque’, de Antonio Grunfeld Rius (30 de xaneiro); ‘Os días afogados’, de César Souto Vilanova e Luis Avilés Baquero (13 de febreiro); e ‘Na outra beira das augas grandes’, de Xavier P. do Campo (20 de febreiro).

Ademais, os días 19 e 20 de xaneiro, o Centro Galego de Artes da Imaxe achegaralle aos espectadores a práctica totalidade da obra de Sergio Oksman, cineasta de orixe brasileira establecido desde hai anos en España. Xunto co seu filme ‘O futebol’, de actualidade pola súa gran repercusión no circuíto internacional de festivais, exhibiranse ‘Notes on the Other’, ‘A Story for the Modlins’, ‘A esteticista’ e ‘Goodbye America’.

Nesta nova temporada, o CGAI tamén lle dedicará cadanseu ciclo ao cinema español máis independente e á vangarda experimental norteamericana. Baixo o epígrafe ‘Cine español: banda aparte’, reúnense títulos que, na meirande parte dos casos, foron realizados nas marxes da industria e cuxa principal canle de difusión son os festivais e as salas alternativas: ‘La señora Brackets, la niñera, el nieto bastardo y Emma Suárez’ (22 de xaneiro), ‘El apóstata’ (26 de xaneiro), ‘Sueñan los androides’ (2 de febreiro), ‘No todo es vigilia’ (16 de febreiro) e ‘Un día perfecto para volar’ (23 de febreiro).

Obras mestras da vangarda estadounidense

Pola súa banda, ‘Ollos ávidos. Obras mestras do cine de vangarda norteamericano’ desenvolverase os xoves de febreiro para ofrecerlle ao público galego unha antoloxía comisariada polo investigador Bruce Posner e que chega á Coruña en colaboración co Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía. Trátase dunha escolma de 37 filmes recentemente restaurados que introducen as múltiples traxectorias deseñadas polo cine de vangarda nos Estados Unidos desde os anos vinte aos setenta do pasado século.

Outra das novidades desta nova programación é a estrea da nova sección Contextos, que porá en relación significativas fitas actuais con outros títulos contemporáneos ou clásicos. O programa botará a andar a finais de xaneiro con dúas das máis destacadas estreas de 2015: ‘The Assassin’, de Hou Hsiao-hsien, e ‘Phoenix’, de Christian Petzold. A primeira delas confrontarase con outras dúas aproximacións ao xénero ‘wu-xia’ asinadas por Wong Kar-wai (‘Ashes of Time Redux’ e ‘The Grandmaster’). No caso do filme de Petzold, establecerase unha conexión ambiental a través de ‘Berlín occidente’, de Billy Wilder, e outra temática con ‘Vértigo’, de Alfred Hitchcock.

Tamén se amosará unha nova colaboración coa Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña, ‘Cinemascapes’, na que se explorará a relación entre o cinema e a paisaxe a través de proxeccións e debates. A primeira das sesións terá lugar o 5 de febreiro co pase de ‘La infancia de Iván’, de Andrei Tarkovsky, e a presentación do libro que reúne os seus escritos de mocidade.

Fóra de Serie

Esta carteleira completarase coas sección habituais como Fóra de Serie, no marco da que se proxectarán os filmes ‘Los hongos’, de Óscar Ruiz Navia (14 de xaneiro); ‘Baja marea’, de Roberto Minervini (15 de xaneiro); ‘Aguas tranquilas’, de Naomi Kawase (21 de xaneiro); ‘Un legado de humo’, de Luis Argeo e James D. Fernández (3 de febreiro); ‘Victoria’, de Sebastian Schipper (12 de febreiro), ‘Taxi Teherán’, de Jafar Panahi (19 defebreiro); e ‘Nadie lo sabrá’, de Ramón Torrado (26 de febreiro).

Ademais, CGAI Júnior proponlles dúas sesións aos espectadores máis novos con ‘El chico’, de Charles Chaplin, o 23 de xaneiro, e ‘Wallace & Gromit. La maldición de las verduras’ o 27 de febreiro, mentres que a sección Desencadres continuará afondando na obra de Stan Brakhage, do que se ofrecerá un novo programa o 6 de febreiro.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-01-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (proxecto-xenoma-galicia.jpg) O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
Foto de la tercera plana (womex-2026.jpg) A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.

Notas

A Universidade de Vigo acollerá os días 4, 5 e 6 de novembro a 5th European School on Environmental Applications of Advanced Oxidation Processes (5thEPS-AOPs), un encontro científico internacional que reunirá expertos, persoal investigador, estudantes de doutoramento e representantes do sector empresarial para abordar os últimos avances en tecnoloxías de descontaminación ambiental e tratamento sostible da auga.
A UDC pon en marcha InPacto, unha iniciativa que busca achegar a investigación de excelencia á cidadanía e fortalecer a conexión entre universidade, empresa e sociedade. Este programa reúne por primeira vez nun proxecto común ao persoal investigador Ramón y Cajal (R&C) da UDC para desenvolver unha programación de actividades de divulgación, transferencia de coñecemento e participación social.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES