
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou a cooperativa Paco & Lola, á que fixo entrega do selo Galicia Calidade, salientando que o distintivo reforza o prestixio da adega ao tempo que recoñece o bo facer do sector vitivinícola galego. O selo Galicia Calidade representa unha forma distinta e galega de facer as cousas que ten o seu recoñecemento no mercado, e que polo tanto supón unha oportunidade para o noso tecido produtivo, incidiu o conselleiro.
Deste xeito, a marca Galicia Calidade e Paco & Lola vinculan o seu prestixio, e dan un paso máis no recoñecemento do sector vitivinícola galego, que incorpora xa ao selo 13 adegas das 5 denominacións de orixe: Rías Baixas, con Adega dos Eidos, Adegas Tollodouro, Adegas Valdés, Vilarvín, Señorío de Rubiós, e agora Adega Paco & Lola; Monterrei con Quinta do Buble e Gargalo; Ribeiro con Bodegas Narioa; Valdeorras con Bodegas Ruchel e A Coroa; e Ribeira Sacra con Regina Viarum e Vía Romana.
A industria vitivinícola está a contribuír así dun modo moi importante ao impulso da marca Galicia Calidade, que suma xa 55 empresas e máis de 350 produtos certificados; e que no marco da Estratexia Galicia Calidade 2014-2016, subliñou Conde, ten chegado nos últimos meses a outros sectores da economía galega o do granito, a biomasa ou o turismo.
Neste contexto, o titular de Economía, Emprego e Industria salientou que o compromiso de Paco & Lola coa calidade dos seus viños está a impulsar o seu proceso de internacionalización. De feito, explicou, a empresa exporta hoxe en día o 40% da súa produción e está presente en 40 países, entre os que destacan Estados Unidos, Reino Unido ou Holanda. Galicia Calidade aporta esa vinculación entre territorio e calidade para favorecer a actividade empresarial nos mercados internacionais, dixo Conde, polo que pode aportar un valor engadido á estratexia de internacionalización da bodega.
Paco & Lola configúrase como a cooperativa máis importante por número de socios da denominación de orixe Rías Baixas, o que reflicte as enormes posibilidades da economía social. Neste sentido, o Consello da Xunta aprobou recentemente a primeira Lei de Economía Social de Galicia, que regulará un sector que aglutina a máis de 7.000 entidades, promovendo especialmente o cooperativismo xuvenil, e que ofrece grandes posibilidades para contribuír ao crecemento económico de Galicia desde o rural.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.