As bibliotecas públicas galegas ofrecen estes días unha completa programación de actividades para convidar a cidadanía a celebrar o Nadal a través dos libros e da lectura. Nas cidades, os centros de xestión autonómica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organizan diversas propostas para grandes e pequenos, nas que se inclúen contacontos, obradoiros de banda deseñada, de fotografía e de adornos e agasallos de Nadal, concertos e exposicións para todos os públicos.
A música será a protagonista do concerto didáctico Unha frauta chea de contos, que ofrecerá Luis Soto no salón de actos da Biblioteca Pública de Santiago de Compostela Ánxel Casal, o vindeiro 29 de decembro, ás 18:30 horas. No marco da iniciativa Musicando na biblioteca, a xente miúda poderá gozar dun conto falado e tocado, cunha parte didáctico-práctica na que o público infantil que se achegue a biblioteca cun instrumento musical poderá participar activamente. O artista interpretará fragmentos de obras de Bach, Mozart, Prokofiev e Satie. Como peche, tocará dúas pezas para frauta e violino con Lucas e Cecilia Soto, cos que forma o Trío do Acivro. A entrada será libre ata completar a capacidade.
Tamén estará presente a música, en diálogo coa narración e a poesía, no contacontos A música das árbores, na que Servando Barreiro afondará na posibilidade dun mundo en harmonía coa natureza. Dirixida a nenos e nenas de 3 a 12 anos, a actividade terá lugar tamén na Ánxel Casal o 2 de xaneiro ás 12:00 horas.
Para celebrar as festas do Nadal, a biblioteca compostelá tamén programa esta tarde, 23 de decembro, ás 18:30 horas, o espectáculo de monicreques A historia do Apalpador, a cargo de Títeres Cachirulo, para nenos e nenas a partir de 3 anos.
Obradoiros de Nadal
O contacontos e obradoiro de debuxo O misterio do Nadal, na que a investigadora Peregrina tentará resolver os casos e misterios máis complexos xunto cos nenos e nenas a partir de 3 anos que participen na actividade, realizada por O Correo do Vento, é outras das iniciativas do centro compostelá e terá lugar o 26 de decembro ás 12:00 horas.
O obradoiro Nadal de origami, o día 29 ás 11:30 horas, no que Sandra Cañete lles aprenderá aos nenos e nenas de 8 a 12 anos que participen a elaborar figuras de Nadal coa técnica de origami, e o obradoiro Divertímonos no Nadal: maratón de Party&CO, con Cristina Señarís e Gisela Pérez, os días 28 e 30 de decembro, ás 11:00 horas, dirixido a rapaces e rapazas de 7 a 12 anos (ambos con inscrición previa), completan a programación da biblioteca Ánxel Casal.
Na Biblioteca Pública de Ourense, os nenos e nenas de 6 a 12 anos poderán participar (previa inscrición) nos obradoiros de elaboración de agasallos de Nadal que terán lugar os días 28 de decembro e 4 de xaneiro, ás 12:00 horas, a cargo de Carmen Cabo. O centro lucense tamén ofrecerá un obradoiro de fotografía dixital no que Lucía Blanco lles aprenderá a rapaces e rapazas de 12 a 16 técnicas para aproveitar as posibilidades que ofrecen os dispositivos móbiles.
Esta tarde, Caramuxo Teatro levará á Biblioteca Pública de Lugo o espectáculo Glub glub, unha historia de amizade entre un barquiño de papel afundido no mar e un peixe dirixida a nenos e nenas ata os 3 anos. Haberá dous pases, ás 18:00 horas e ás 19:00 horas.
Na Coruña, a Biblioteca Pública Miguel González Garcés exhibirá desde o 28 de decembro ata finais de xaneiro a exposición cos traballos finalistas e gañadores do V Certame de Fotografía Luces e Cores de Elviña, promovido pola Asociación Veciña Elviña 2 Fases. E para os nenos e nenas de entre 3 e 8 anos, o centro propón a actividade Contos dos trasnos, de Trinke-Trinke Teatro, narrado polo trasno da biblioteca e que terá lugar o 9 de xaneiro ás 12:00 horas.
O Carteiro Real visita Vigo
O Carteiro Real tamén se achegará á Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia para recoller as cartas dos nenos e nenas dirixidas ás súas Maxestades de Oriente. Na Biblioteca de Vigo Juan Compañel estará o 28 de decembro ás 17:30 horas. O centro vigués tamén organiza obradoiros de Nadal para cantar, debuxar e xogar en inglés, os días 28 de decembro e 4 de xaneiro, ás 18:30 horas, a cargo de Javier Núñez Corbal. Están dirixidos a nenos e nenas de 4 a 6 anos e precisan inscrición previa.
Finalmente, a Biblioteca Pública de Pontevedra Juan Compañel propón esta tarde, ás 18:30 horas, un divertido e sorprendente espectáculo de maxia a cargo de Leo Leíño, para facer gozar a todos os públicos.
O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.